A infantil María Filgueiras levouse a 'medalla de chocolate' na carreira en liña dos Campionatos de España Escolares





Os Campionatos de España Escolares que se están celebrando na provincia de Valencia alcanzaron o seu ecuador este sábado ao mediodía cunha representante da Selección de Galicia quedando ás portas do podio. María Filgueiras rematou cuarta no esprint masivo co que se resolveron os 12 quilómetros da proba en liña infantil feminina disputada no Circuito Ricardo Tormo de Cheste.

A 6 segundos da gañadora Alejandra Puente (Comunidade Valenciana) cruzou a liña de meta Lucía Crespo (28ª), mentres que Alba Gregores (47ª) fíxoo a 25" e Lara Fuentes (49ª) completou o percorrido, a 1:09, malia ter sufrido unha caída. 

A competición infantil masculina, sobre 20 km, tamén concluíu cunha chegada masiva. Gael García (26º), Mauro Amor (28º) e Miguel Prado (42º) entraron no grupo principal. A continuación finalizou Tomás Pombo (45º) a 13".

Contrarreloxos

A xornada inaugural, a do venres, estivo reservada ás probas contra o reloxo de cadetes. Carla Montoiro foi a galega máis destacada nos 4 km da crono individual feminina. Ocupou a novena praza, a 34" da nova campioa estatal Ainara Albert (Comunidade Valenciana). Quince segundos máis que a súa compañeira de selección marcou Aroa Mediavilla (16ª).

Nos cadetes, Rubén Fandiño rubricou a 12ª posición, a 15" do primeiro clasificado Marc Terrasa (Baleares) tras 4 km de percorrido. O 20º posto correspondeu a Breogán Diz, a 29" do vencedor.

Os campionatos tiñan arrancado coas competicións contra o reloxo por equipos. Nunha distancia de 8 km, Galicia sitouse 12ª na táboa das mozas e 14ª na dos mozos. 

 

Máis información