Isabel Castro cólgase en Bélxica a medalla de bronce no Mundial Máster de ciclocrós
Na localidade belga de Mol, na provincia de Amberes, Isabel Castro subiu este venres ao podio do Campionato do Mundo Máster de ciclocrós. A corredora do Condado Bike obtivo a terceira posición na categoría 50-54 anos. Oitava clasificada no 2018 neste mesmo escenario, a actual líder da Copa de España máster-50 exhibiu o gran nivel que leva amosando durante toda a temporada.
A ponteareá desprazouse en furgoneta ata Bélxica coa ambición de rematar entre as cinco primeiras e o resultado asinado mellorou as súas expectativas. Castro incluso tivo opción de colgarse a medalla de prata, da que se quedou a menos de 20 segundos. A galega foi a única representante española entre as doce ciclistas que tomaron a saída.
Marianne Van Leeuwen (Ulysses Amsterdam) impúxose de xeito incontestable, cun tempo de 26 minutos e 35 segundos, nun circuíto no que os sectores de area son os que máis marcan a diferenza. A 1 minuto e 45 segundos da gañadora entrou Helen Pattinson (Hargroves-Montezumas) e a 19" da segunda clasificada concluíu Castro, que superou en 35" a Helen Dussek (Garden-Scott), cuarta na meta de Mol.
Foto: Luz Iglesias