Isabel Castro e Ricardo Buba volven subir ao máis alto do podio en Elorrio





Modalidades: 

Dobrete para dous galegos na primeira fin de semana da Copa de España de Ciclocrós. O cadete Ricardo Buba (Coruxo) e a máster-50 Isabel Castro (Condado Bike) repetiron este domingo en Elorrio os triunfos acadados o día anterior en Llodio. Outros sete representantes da 'armada autonómica' asinaron postos de Top-10 no circuíto biscaíño.

Do mesmo xeito que na xornada inaugural do certame estatal, a carreira cadete mantivo a emoción ata os metros finais. Ricardo Buba impúxose desta vez por dous segundos de vantaxe a Pau Martí (Moixent) e por 4", a Raúl Mira (Sonido-Energim). O podio foi idéntico ao de Llodio. De novo entre os dez primeiros entrou Iván Fernández (Avanza), que terminou sexto. 

O triunfo de Isabel Castro volveu ter valor dobre. A ponteareá non so venceu entre as máster-50, tamén ocupou a primeira posición na clasificación absoluta máster. A do Condado Bike ergueu os brazos con 21" de marxe sobre a máster-30 Isabel Borrero (Superprestigio) e na terceira praza cruzou a liña de meta a máster-30 Lilian Soriano (Laguarta).

En canto ás probas raíñas, con ampla presenza de ciclistas procedente de fóra de España, Irene Trabazo repetiu como mellor corredora estatal nas sub-23. A xefa de filas do XSM terminou quinta na súa categoría e 14ª na táboa absoluta, mentres que a Andrea García (Maceda) correspondeulle a novena praza sub-23 e a Laura Capa (Aleata-Farto), a décima nas juniors.

Entre os homes, Carlos Canal (Burgos BH) puido rematar a carreira despois de ter abandonado o día anterior. O limiao concluíu oitavo nos sub-23 e 23º contabilizando os elites. Pola contra, Iván Feijoo (Nesta) viuse obrigado a retirarse na terceira das oito voltas ao circuíto. 

A colleita galega de prazas entre os dez primeiros completárona Andrés Calvete (Monte Xalo), sétimo nos máster-30, e Antonio Fernández (Cambre), noveno nos máster-60. 

A Copa de España descansa a vindeira fin de semana, con dobre cita na Copa Galicia, e regresará o 10 de novembro no Ciclocross Internacional de Karrantza. 

 

Máis información