Isabel Castro e Samuel González confirmaron o seu dominio na Copa Galicia de Pontevedra





Modalidades: 

Despois de anos de ausencia o ciclocross regresou a Pontevedra pola porta grande. O Hipódromo de Campañó acolleu a novena xornada da Copa Galicia, que contou con 259 participantes e na que os dous corredores elite e sub23 máis en forma a nivel autonómico confirmaron o seu doce momento. Isabel Castro (Fornelos) adxudicouse a carreira feminina e deixou vista para sentencia a clasificación xeral, mentres que Samuel González (Salvaterra) acadou o seu cuarto triunfo consecutivo na proba raíña masculina.

No resto de categorías os vencedores foron Mario Fernández (O Rosal) e a portuguesa Mafalda Sa (Vila do Conde) en cadetes; Guillermo García (Marín) e a lusa Jessica Silva (Vila do Conde) en juniors; Luciano Carretero (Cambre) nos Máster-30; Manuel Armada (Asociación Galega) nos Máster-40; e Marcial Rodríguez (QuéBibi-Marcisport) nos Máster-50/60.

O Clube Deportivo Pinarium, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Federación Galega de Ciclismo, organizou a primeira edición do Trofeo Concello de Pontevedra. Na súa estrea o circuíto de Campañó agradou polo seu trazado  e ofreceu duelos cheos de emoción.

A loita pola vitoria entre os Elite e Sub23 tivo a catro grandes protagonistas. O líder Mauro González (Salvaterra), Raúl Fernández (Fornelos) e Samuel González marcháronse por diante dende a saída. A eles uniríase na segunda volta Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) e os problemas mecánicos impediron que nesta pugna tamén entrara Darío Otero (Compostelano).

No cuarteto de cabeza todos os seus membros intentaron marcharse en solitario. Nun deses cambios de ritmo Samuel González puxo a Mauro González e Adrián Valverde contra as cordas, “pero Raúl Fernández aguantoume e decidín esperar”, comentou o sub23 do Salvaterra.

Na penúltima volta Raúl Fernández acelerou e mesmo chegou a descolgar a Samuel González, que se recuperou e soltou o ataque definitivo despois de que soara a campá. “Na subida dino todo e abrín un oco que me permitiu chegar en solitario á liña de meta. Despois dos problemas físicos que tiven é incrible ter conseguido catro vitorias”, valorou o vencedor.

Samuel González cruzou a líña de meta cun tempo de 56 minutos e 54 a segundos. A 14” chegou Raúl Fernández e a medio minuto Adrian Valverde, que no sprint pola terceira praza e por ser o primeiro elite, superou a Mauro González, que unha xornada máis continúa vestido de líder.

Moita menos incertidume tivo a carreira Elite e Sub23 feminina. Isabel Castro impuxo a súa lei dende as primeiras voltas e rodou case toda a proba en solitario, seguida de preto pola súa compañeira e filla Desirée Duarte. As dúas asinaron un dobrete familiar para o Fornelos e o podio completouno María Jesús Barros (Spol), que finalizou a 1 minuto e 49 segundos da gañadora

Novos líderes cadetes

A falta de dúas xornadas para a conclusión da Copa Galicia de Ciclocross os rankings cadetes teñen novos líderes. Mario Fernández arrebatoulle o primeiro posto a Carlos Canal (Maceda) e Noela Saa (Maceda) adiantou a súa compañeira de equipo Antía Martínez. Outra categoría na que todo está por decidir é a junior masculina, na que Pablo Álvarez (Cambre) defendeu con éxito o seu liderado. Sara Trigo (Cidade de Lugo) nas juniors; Andrés Calvete (Cambre) nos Máster-30; Manuel Armada nos Máster-40; e Javier De La Fuente (Betanzos) nos Máster-50/60 mantéñense no máis alto das súas táboas.

Anxos Riveiro, concelleira de Deportes de Pontevedra; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; Diego González, presidente do Clube Deportivo Pinarium; e representantes da Comunidade de Montes de Campañó participaron na entrega de premios. A Copa Galicia regresará o 18 de decembro no Porriño coa súa penúltima cita puntuable.

 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: