Isabel Castro e Samuel González proclamáronse campións de Galicia de Ciclocross en Culleredo





Modalidades: 

O calendario galego de ciclocross 2016 pechouse por todo o alto na mañá do 31 de decembro. Once títulos puxéronse en xogo no circuíto de Acea da Ma en Culleredo na disputa do ‘Campionato de Galicia 2016 – I Trofeo A Laboral’ e os favoritos á vitoria nas dúas probas Elite e Sub23 cumpriron cos prognósticos. Isabel Castro (Fornelos) impúxose na feminina chegando da man da súa compañeira e filla Desirée Duarte, e Samuel González (Salvaterra) amosouse intratable na carreira masculina.

O Clube Ciclista Cambre, o BTT Caimanes Betanzos, a Peña Ciclista Monte Xalo e a Federación Galega de Ciclismo (FGC) encargáronse da organización dun evento que rexistrou un gran ambiente e que supuxo un fin de festa ideal para a temporada de ciclocross autonómica. A cita en territorio coruñés congregou a 220 corredores e a un importante número de espectadores.

Desde o 2008, as instalacións de ‘A Laboral’ non acollían unha proba desta modalidade. O circuito de 2,5 kilómetros agradou aos participantes, un trazado moi completo cunha longa subida, na que os ciclistas víanse obrigados a botar pé a terra, e zonas de barro. Un esixente percorrido no que o tándem familiar do Fornelos non deu opcións ás súas rivais na competición Elite e Sub23 feminina.

Isabel Castro e Desirée Duarte firmaron o dobrete para o conxunto pontevedrés. Nai e filla presentáronse na liña de meta collidas da man e con máis dun minuto de vantaxe. A elite Castro ocupou a primeira posición e a sub23 Duarte a segunda cun tempo de 49 minutos e 12 segundos. O podio completouno María Jesús Barros (Spol).

O vencedor da proba raíña masculina tamén acadou un triunfo incontestable. Samuel González chegou a Culleredo avalado polas seis vitorias consecutivas que viña de lograr na Copa Galicia. O corredor sub23 do Salvaterra e o seu compañeiro Mauro González buscaron rachar a carreira dende a saída. De inmediato tomaron o mando con Raúl Fernández (Fornelos) rodando a escasos segundos.

O inicio da segunda volta resultou determinante e Samuel González decidiu marcharse en solitario: “Cheguei cunha pequena marxe á subida longa e ataquei con gañas para intentar soltar a todos definitivamente. Abrín un oco bastante bo e a partir de aí centreime en manter esa renda”.

O ciclista vigués proclamouse por primeira vez campión de Galicia absoluto tras deter o reloxo en 58 minutos e 36 segundos. Por detrás estableceuse unha axustada loita pola segunda posición e polo título elite na que non puido estar Mauro González, que abandonou por problemas mecánicos.

O corredor profesional de estrada Daniel López (Burgos BH) superou aos especialistas e fíxose co título Elite entrando a 54 segundos de Samuel González. O terceiro posto correspondeulle ao sub23 Raúl Fernández, cuarto foi o elite Adrián Valverde (Rías Baixas) e quinto o tamén elite Paulo González (Salvaterra). Coa terceira praza sub23 fíxose Román Saa (Maceda), undécimo na clasificación absoluta.

Tres títulos do Maceda

Nas categorías inferiores o gran triunfador foi o conxunto do Academia Postal-Actyon-MMR. O clube de Maceda obtivo tres dos catro títulos que se disputaron. Noela Saa venceu nas cadetes con 20 segundos de vantaxe sobre Carla Fernández (Redondela) e 1:10 respecto a súa compañeira na estructura ourensá Aida González. Nos rapaces cadetes Carlos Canal foi o máis forte e no podio estivo acompañado por Mario Fernández (Rosal) e Roi López (Compostelano), segundo e terceiro respectivamente.

O triplete macedá rubricouno Iván Feijoo, que ergueu os brazos nos juniors tras distanciarse en 25” de Pablo Álvarez (Cambre Renault Caeiro) e en máis dun minuto e medio do seu compañeiro Abel Franco (Academia Postal-Actyon-MMR). Na carreira junior feminina gañou Sara Trigo (Cidade de Lugo), con Carlota Cañamero (Coruxo) na segunda posición e Marta Vila (Fornelos) na terceira.

Emoción nos masters

En canto aos masters, ningún dos campións da Copa Galicia puido repetir éxito. Nos Máster-30, Luciano Carretero (Cambre) bateu  por dez segundos ao seu compañeiro de equipo Andrés Calvete e Juan Bello (Asociación Galega) finalizou terceiro.

Igual de emocionante esitivo o desenlace nos Máster-40. Sete segundos separaron ao vencedor Guillermo Álvarez (Fornelos) de Xacob Agra (Óscar Pereiro). Quince segundos máis tarde rematou Juan José Saborido (Compostelano), terceiro clasificado, nunha carreira na que os sete primeiros concluíron en menos dun minuto.

Por último, tamén houbo que agardar ata os metros finais para coñecer ao campión Máster-50/60. Marcial Rodríguez (Québici-Marcisport) impúxose por oito segundos a Javier de la Fuente (Betanzos) e por 23” a Enrique Vázquez (Monte Xalo).

Unha vez completado o calendario autonómico, a seguinte cita serán os Campionatos de España de Ciclocross, que dende o vindeiro venres 6 de xaneiro ata o domingo día 8 se celebrarán en Valencia. A Selección de Galicia estará representada por unha vintena de corredores na loita polos títulos estatais.

Foto: Luz Iglesias

Documentos: