Isabel Castro e Samuel González tamén se amosaron intratables na Copa Galicia do Porriño





Modalidades: 

Os dous corredores con mellor golpe de pedal a día de hoxe no ciclocross galego dominaron as carreiras Elite e Sub23 do Trofeo Horacio Barros. Isabel Castro e Samuel González  prolongaron as súas xeiras de vitorias na décima e penúltima cita puntuable da Copa Galicia disputada no Porriño. A ciclista do Fornelos sentenciou o ranking feminino co seu sexto triunfo parcial desta campaña e o representante do Salvaterra impúxose por quinta xornada consecutiva.

No resto de categorías os gañadores foron Mario Fernández (O Rosal) e Andrea García (Cambre) en cadetes; Guillermo García (Marín) e Sara Yusto (Bioracer-EK) en juniors; Andrés Calvete (Cambre) en Máster-30; Juan José Saborido (Compostelano) en Máster-40; e Marcial Rodríguez (Québici-Marcisport) en Máster-50/60. A 40ª edición desta clásica do ciclocross autonómico estivo organizada polo Concello do Porriño, o Clube Ciclista Spol e a Federación Galega de Ciclsimo (FGC). No circuíto do Velódromo reuníronse máis de 200 participantes.

O plan inicial de Samuel González para esta fin de semana non era correr no Porriño. O sub23 do Salvaterra atopábase de camiño a Valencia para disputar a última proba da Copa de España. Por mor do mal tempo esa competición anulouse e o ciclista vigués chegou a tempo ao Trofeo Horacio Barros tras regresar en tren dende Madrid.

O seu triunfo resultou incontestable. Dende o bandeirazo inicial marchouse xunto ao seu compañeiro e líder da xeral Mauro González. Na segunda volta Samuel González quedouse en solitario e a partir de aí “rodei bastante cómodo, sen arriscar moito e ampliando diferencias. Foi máis doado que outras veces”.

Cun tempo de 52 minutos e 32 segundos colleitou o seu quinto triunfo deste curso. A segunda posición, a 54”, correspondeulle a Mauro González, primeiro Elite e que chega á última xornada con 80 puntos de vantaxe sobre Samuel González. A terceira praza, a 1:02 do gañador, foi para Raúl Fernández (Fornelos).

Un guión diferente seguiu Isabel Castro para adxudicarse a carreira Elite e Sub23 feminina. De saída, a súa filla e compañeira Desirée Duarte asumiu o mando da proba. Castro descolgouse, pero pouco pouco foi recurtando a diferencia ata alcanzar a cabeza: “Desirée tirou durante toda a carreira e na penúltima volta decidín probar. Adianteina nunha recta e ela non me aguantou o ritmo. A carreira gustoume moito, foi tan dura como bonita”.

A líder ergueu os brazos despois de 47 minutos e 35 segundos de esforzo. Duarte rematou 11” despois e Sandra Moral (Cidade de Lugo) ocupou a terceira posición a 2:11 de Castro. Con este triunfo, a ciclista do Fornelos xa é gañadora matemática do ranking feminino.

Nova líder cadete

A falta dunha xornada para que a Copa Galicia 2016 finalice o vindeiro sábado en Maceda, o único ranking que rexistra variacións no máis alto é o cadete feminino. Andrea García arrebatoulle o primeiro posto a Noela Saa (Maceda). Nas outras clasificacións xerais non hai cambios. Mario Fernández continúa como líder nos cadetes; Sara Trigo (Cidade de Lugo) e Pablo Álvarez (Cambre) en juniors; Andrés Calvete en Máster-30; Manuel Armada (Asociación Galega) en Máster-40; e Javier de la Fuente (Betanzos) en Máster-50/60.

Na cerimonia de entrega de premios e maillots que clausurou o Trofeo Horacio Barros, participou o propio Horacio Barros, en calidade de homenaxeado e presidente do Spol; Manuel Carrera, tenente alcalde do Porriño; José Flores, vicepresidente da FGC; e Begoña Carpintero, secretaria da FGC.

Documentos: