Iván Feijoo consolidou o seu liderado sub23 na Copa de España Loterías de Ciclocross a falta dunha xornada





Modalidades: 

Iván Feijóo (Academia Postal - Actyon - MMR) impúxose na categoría sub 23 na terceira proba da Copa de España Loterías de Ciclocrós, celebrada este domingo na localidade vasca de Elorrio. O corredor da estructura de Maceda afiánzase así como líder do campionato a falta da proba prevista para o 17 de decembro en Valencia.

O orballo contribuíu a que o circuíto permanecese embarrado e brando, o que axudou a que os ciclistas brindasen un gran espectáculo ao numeroso público congregado ao longo do case tres quilómetros de percorrido. Na categoría raíña, o alacantino Felipe Orts (Ginestar) non deixou lugar á sorpresa e adxudicouse tanto o triunfo parcial como a vitoria na Copa de España.

Entre os sub 23, o máis forte foi Iván Feijóo, sexto na clasificación absoluta, co seu rival Jofré Cullell (Megamo) na sétima praza, a máis dun minuto. O de Allariz amplía a oito puntos a súa vantaxe no ranking.

Pola súa banda, Irene Trabazo (Marín Ottoman) obtivo a cuarta posición na clasificación Sub23-Junior por detrás das holandesas Celyne Del Carmen e Manon Bakkor, e de Luisa Ibarrola (Bizikleta.com). A marinense, oitava na táboa absoluta feminina de Elorrio, continúa segunda na xeral da súa categoría a seis puntos de Ibarrola. 

En canto aos júniors, Carlos Canal, do Maceda, tentou sorprender de inicio a Gonzalo Inguanzo co fin de alongar a loita pola xeral da Copa ata a carreira final. Con todo, o líder, que xa se impuxo nas dúas probas anteriores, non se puxo nervioso e aguantou a roda do seu rival para posteriormente lanzar un ataque inapelable. Tres de tres para Inguanzo, que se converte así no gañador da Copa. Completaron o podio Alfredo Teleña (Cangas de Onís) e Mikel Orbea (Atracciones Sanz), con Adrián Barros (Coruxo) na cuarta posición. Canal rematou sétimo e mantén o segundo posto no ranking. 

As actuacións máis destacadas dos galegos completáronas os cadetes do Maceda. Noela Saa foi quinta na carreira feminina e Martín González terminou duodécimo na masculina, superando en oito segundos a Zoe del Río (Marín Ottoman).

Máis información