Iván Montero conquista o ouro e Mila López logra a prata nas CRI do Campionato de España de Ciclismo Adaptado





A Selección de Galicia abriu este sábado a súa conta de medallas no Campionato de España de Ciclismo Adaptado en Estrada que se está celebrando na provincia de Salamanca e fíxoo por partida dobre. Os dous éxitos chegaron nas handbikes. Iván Montero colgouse o ouro na categoría MH5 e Mila López asinou a prata en WH4 na xornada reservadas ás contrarreloxos individuais (CRI).

Nun circuíto de 9,3 quilómetros de lonxitude en Villares de la Reina, Montero completou tres voltas en 55 minutos e 17 segundos. O coruñés proclamouse campión estatal cunha vantaxe de 41" sobre o segundo clasificado, Francisco Tamarit (Valencia). O terceiro posto no podio correspondeu a José Vicente Arzo (Unlimited Wheels). 

A outra medalla para a delegación galega gañouna a baionesa López. As handbikers da súa categoría tiveron que dar unha volta e o mellor crono (19:33) protagonizouno Eva Moral (Madrid). A 2:31 da gañadora rematou a miñorana e o bronce acadouno Ione Basterra (Euskadi).

Preto do podio finalizou outro representante da Selección de Galicia. Severino Mata obtivo a quinta praza en MC5. Ademais, lucindo as cores do combinado autonómico, Álvaro Illobre terminou noveno en MH4 e Juan Permuy e Alejandro Ferradás, sexto e sétimo respectivamente en MH2. O campionato conclúe este domingo coas carreiras en liña.