Kevin Suárez impuxo a súa potencia e vestiuse de amarelo en Tordoia





Modalidades: 

A XVI Volta Ciclista á Provincia da Coruña arrancou cunha etapa frenética e unha vitoria incontestable ao sprint. Kevin Suárez (Gomur – Liébana) impúxose na chegada masiva a Tordoia onde foi capaz de distanciarse en dous segundos do resto de compoñentes do pelotón. O ciclista cántabro, gran especialista en ciclocross, defenderá o maillot amarelo este sábado en Carballo.

Na primeira hora de carreira completáronse 43 dos 150 quilómetros que presentaba a primeira xornada da rolda coruñesa. Desde o bandeirazo inicial en Tordoia sucedéronse os ataques, pero ningún logrou fructificar. O primeiro punto quente era a meta volante de Ordes (km29). Alí, a primeira posición ocupouna Coutinho (Supermercados Froiz) e 30 km despois Elías Tello coroou en cabeza a única ascensión puntuable do día, o alto de Boimorto, de 3ª categoría.

O pelotón chegou a fraccionarse en varios grupos por mor do vento e da alta velocidade. Unha vez reunificado, os intentos máis consistentes en solitario protagonizáronos Álvaro López (Guerciotti-Redondela) e posteriormente Marcos Galán (Bicicletas Rodríguez). Éste último pasou en primeira posición pola meta volante de Oroso (Km 126).

No treito final movéronse varios dos favoritos á xeral como Pedro Gregori e Raúl García de Mateos (Cortizo – Anova), Jesús Nanclares (Club Ciclista Rías Baixas), Pedro Merino (Supermercados Froiz) ou Francisco García Rus (GSport- Valencia), pero o sprint era inevitable. Tras 3 horas 39 minutos e 8 segundos de esforzo, Kevin Suárez levantou os brazos en Tordoia. O corredor do Gomur aventaxou en 2” aos portugueses Cesar Martingil (Liberty Seguros) e Fabio Oliveira (Moreira Congelados), segundo e terceiro respectivamente.

Suárez subiu ao podio para recoller a camisola amarela de líder. O maillot de mellor galego correspóndelle a Aser Estévez (Cortizo-Anova), que rematou noveno, mentres que o de primeiro sub-23 é para Martingil, o das metas volantes para Galán, o da montaña para Tello e o mellor equipo foi o Gomur Liébana.

Segunda etapa

A dificultade do terreo aumentará este sábado na segunda xornada, Carballo-Carballo de 135 quilómetros. No percorrido por enclaves como Buño, Ponteceso ou Vimianzo, ascenderanse tres portos puntuables de 3ª cateogoría: Borneiro (km 27), Hospital (59,3) e Castelo (km 106). As dúas metas volantes están situadas en Dumbría (km 55) e Santa Comba (km 100). Ás 14:00 porase en marcha a etapa e o seu final está previsto a partir das 17:00 horas.

Foto: Puro Ciclismo

Documentos: