Lara Lois e Saúl López revalidan en Ares os seus títulos galegos de XCO





As coroas de reis do cross country olímpico (XCO) autonómico non cambian de propietarios. Lara Lois (Extol–La Gramola Team) e Saúl López (Academia Postal – Maceda) revalidaron os seus títulos no Campionato de Galicia celebrado este xoves no circuíto de Montefaro (Ares). A grovense e o monfortino impuxéronse nas carreiras Elite e Sub23 dunha xornada pasada por auga.

A chuvia non se quixo perder o fin de festa do calendario galego de XCO, un evento no que se repartiron once maillots de campións autonómicos. As nubes comezaron a decargar xusto cando se daban as saídas da primeira quenda, o que aumentou a épica do espectacular percorrido, duro e técnico, deseñado polo clube Pulpeiros de Mugardos ao carón do Mosteiro de Santa Catalina.

A pasada fin de semana Lara Lois competiu no Campionato de España en Navarra baixo unha asfixiante calor. En Ares atopouse un panorama meteorolóxico que pouco tivo que ver e co barro como inesperado convidado en pleno verán, a do Extol-La Gramola Team impúxose con solvencia na carreira feminina. A elite do Grove distanciouse da sub23 Irene Trabazo (XSM) na primeira das tres voltas ao circuíto de 5 quilómetros de lonxitude e venceu con autoridade. A terceira na liña de meta foi a arxentina Fina Casadey.

No podio elite Lois estivo escoltada por Nuria Senra (Eskornabois) e Diana Blanco (Barbanzabike), segunda e terceira respectivamente, mentres que á gañadora sub23 Trabazo acompañouna Zaida González (O Rosal).

Dobrete do Maceda

No prato forte das carreiras masculinas o Academia Postal-Maceda asinou un dobrete. O sub23 Iván Feijoo e o seu compañeiro de equipo Saúl López marcaron un ritmo dende o inicio da proba que so resistiu Jorge Punzón (Cosmos). Os tres completaron xuntos a primeira das cinco voltas, pero no segundo xiro a Montefaro o elite Punzón sufriu unha picada na súa roda traseira.

O tándem do conxunto ourensán atopou vía libre para conseguir un dobre triunfo. López e Feijoo rodaron á par ata que o defensor do título elite se marchou en solitario na cuarta volta e deste xeito certificou un cómodo triunfo.

Os tres seguintes en cruzar a liña de meta foron tres sub23. Feijoo obtivo a vitoria na súa categoría por diante de Pablo Álvarez (Cambre), segundo, e Adrián Barros (Froiz) terceiro. Punzón remontaría nos elites para alcanzar a terceira praza, por detrás de Alberto Pedreira (Bici Verde).

Nas competicións juniors Xoel Montes e Noela Saa non deron opcións ao resto. O do Avanza superou a Marco Nube Lema (Maceda) e ao seu compañeiro de equipo na formación porriñesa David González, mentres que a do Academia Postal – Maceda foi a máis forte no duelo fratricida con Andrea García.

Máis emoción houbo nas probas cadetes. Ricardo Buba (Coruxo) puido nos últimos metros con Miguel Rodríguez (Ponteareas), quedando a terceira praza para Anxo Carril (Coruxo). Semellante resultou o desenlace feminino e Laura Capa (Farto) repetiu título batendo ao esprint á asturiana Menéndez. No podio do campionato autonómico a Laura María Mira (Redondela) correspondeulle o segundo chanzo e a Marta García (Cambre), o terceiro.

Masters

Tamén se decidiu nas últimas pedaladas a carreira máster-30 con Diego Rey (Tambre Bike) dobregando a Fernando Díaz (Eskornabois). A medalla de bronce non a deixou escapar Fernando Guerra (Extol-La Gramola Team). Pola súa banda, Marcos Mayo (Noela) sorprendeu a Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos máster-40 cun ataque na primeira volta e co terceiro posto fíxose Daniel Hérraez (Xesteiras). A mesma estratexia utilizou Francisco Xavier López Cedrón (MTC) para destronar a Manuel Castro (Barbanzabike) nos máster-50. No podio acompañounos Carlos Otero (BTT Fene).

Noelia Montero, concelleira de Deportes de Ares e representantes do Pulpeiros Mugardos e da Federación Galega de Ciclismo participaron nunha cerimonia de premios na que se lle entregou ao Cambre Renault Caeiro o recoñecemento mellor club da temporada, un galardón que quedara pendente ao remate da Copa Galicia e do Trofeo  Federación. O XCO galego baixou o pano ata o 2020.

 

Foto: Quadra Producións

Documentos: