Lara Lois (Extol) gaña a VI Volta a Córdoba, proba inaugural do Open de España de Btt Maratón





A galega Lara Lois (Extol) non puido celebrar mellor o seu cumpreanos que impoñéndose na primeira cita do Open de España de Btt Maratón: a VI Volta a Córdoba. A grovense gañou entre as mulleres cun tempo de 3:20:57 e remontada incluída. A segunda foi a gaditana María Díaz Pernía (3:21:18) e completou o podio Marga Fullana (3:25:37) quen lideraba a carreira ata o ecuador da proba.

Con 72 quilómetros de trazado por por Sierra Morena, a grovense alcanzou o primeiro avituallamiento no 35 do precorrido ocupando a terceira praza. O seu “ punch” final serviulle para superar a María Díaz primeiro e á principal favorita ao triunfo: Marga Fullana, medallista olímpica en Sidney 2000 e líder da proba ata entón pero a quen a carreira se lle fixo extremadamente longa. Fullana tiña no km 40 un minuto de vantaxe sobre Díaz o que dá unha idea da remontada da galega e o valor do seu triunfo. Atrás queda xa a lesión sufrida en Lalín que impediulle pechar a pasada campaña como esperaba. 

A próxima cita do Open de España será o 10 de marzo con motivo do VII Maratón Templario en Jerez de los Caballeros. En total serán cinco as probas para disputar neste Open que terá o peche da serie en terras galegas na Lalín Bike Race.