Manuel Sampedro (Caeiro) estrea o palmarés do Premio Minas San Finx para juniors e sub21





Modalidades: 

Manuel Sampedro (Caeiro) foi o gañador da primeira edición do Premio Minas San Finx para categoría junior e sub21 organizado polo Club Ciclista Padronés Cortizo Anova. O recente medalla de bronce no Campionato de Galicia junior demostrou o seu bo estado de forma e adaptación aos percorridos duros para gañar a carreira en solitario con máis dun minuto de vantaxe sobre o seu compañeiro de equipo Martín Fariña e 1:18 sobre César Pico (Fundación Óscar Pereiro).

A carreira tivo a súa saída e chegada na localidade de San Finx en Lousame, a escasos metros de onde se sitúan as antigas minas de wolframio que foron explotadas durante a segunda guerra mundial. En total foron 115 quilómetros de percorrido pola comarca do Barbaza cun esixente final que deu como resultado que o pelotón participante concluíse como un rosario de corredores coroando nas portas de San Fix (Lousame).

Encargouse de dar a saída a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, a concelleira María Regenjo, e o presidente do Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo- Anova, Estanislao Vázquez. Foi unha saída neutralizada ata Noia onde se deu a saída lanzada da carreira. Ademais dos representantes galegos, a presenza do potente Maia portugués fíxose notar desde os primeiros compases para marcar o ritmo do pelotón.

Aínda que se produciron varios intentos de saltar do grupo foi Diogo Narciso (Maia) quen máis tempo estivo á fronte da proba. O portugués chegou a ter unha renda que roldou o minuto e endureceu o rtimo na primeira metade de carreira. O traballo dos membros da Fundación Óscar Pereiro e do Cambre foi fundamental para dar alcance ao portugués quen se vería arroupado por varios compañeiros en cando foi neutralizada a súa fuga.

Para entón o pelotón estaba fraccionado cun primeiro grupo que circulaba por O Bexo con máis de minuto e medio sobre o segundo bloque de corredores. A carreira entraba na parte máis esixente do trazado coa subida a Aguasantas e tras o paso por Noia os últimos nove quilómetros de ascenso a San Finx.

Con todo, a vitoria de Sampedro (Caeiro) fraguouse no descenso de Aguasantas, arriscando na baixada e abrindo unha brecha suficiente para encarar o tramo final con moitas opcións que se materializaron coa súa entrada en meta sen ningunha oposición. Tras Sampedro ( Caeiro) entrou o único sub21 no top 5, Martín Fariña (Cambre) e César Pico (Fundación).

O empeño dos portugueses do Maia non tivo premio e Francísco Pereira foi cuarto mientra Diogo Narciso, protagonista da primeira escapada da xornada, tivo que conformarse coa quinta posición.

Na entrega de premios final participaron o primeiro tenente de alcalde de Lousame, Ramón Martínez, a concelleira María Regenjo e o tenente de alcalde de Rois, Manuel Santos.