MARCO VEIGA FOI O MÁIS RÁPIDO NAS LADEIRAS DE XUNQUEIRA DE ESPADAÑEDO





Tema: 

Marco Veiga ( Quintena-Sta. Cruz) impúxose no primeiro Descenso Gran Premio Xunqueira de Espadañedo celebrado na localidade ourensá coa organización do club ciclista Maceda.

O rider de Narón sobrepúxose á caída sufrida na manga de cualificación e marcou o mellor rexistro sendo o único capaz de baixar dos 3 minutos e 40 segundos en cubrir os 2.400 metros dun descenso moi técnico que fixo as delicias do case centenar de participantes aínda que requiriu do máximo esforzo pola súa banda.

Veiga avantaxou en sete segundos a Manuel Pellón ( Bdm) e ao sub23 de Bici Verde, Jorge Panizo. O junior Victor Mariño (X Bikes) e o master 30, Carlos Rozamontes ( Jarnachas) completaron o top cinco do descenso e lograban así o triunfo nas súas respectivas categorías.

En mulleres a vitoria recaeu sobre o novo valor do dh galego, Uxia González (Coruxo) que afianza o seu liderado na Copa e non tivo en Ourense oposición por parte dunha desafortunada Eva Abadín ( Barbazabike) que se viu lastrada por varias caídas e tivo que conformarse coa segunda praza.

A pesar do intenso frío da xornada, a proba deixou constancia da capacidade do circuíto de Xunqueira de Espadañedo como un dos mellores de Galicia e con capacidade organizativa suficiente para albergar probas de alto nivel segundo a opinión xeneralizada por parte dos pilotos.

O acto de entrega de premios estivo presidido polo alcalde de Xunqueira de Espadañedo, D. Carlos Gómez Blanco e impuxéronse as camisolas aos líderes da Copa Galicia.

Foto: José Montenegro ©NeburAT