María Formoso: "A Illa das Esculturas non é simplemente un bonito escenario para o Campionato de España"





Tema: 

María Formoso é a técnica de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra que segue de maneira atenta o estado da Illa do Cobo ou Illa das Esculturas na que terá lugar o próximo Campionato de España de ciclocrós.

“Trátase dun espazo moi delicado que xa se atopa degradado tras a celebración hai un mes doutra competición (a Copa de España) e por iso non se tocou á espera de que conclúa este Campionato”.

A técnica explícanos que esta illa é parte do que era unha antiga “xunqueira” coas súas terrazas fluviais nas ribeiras do curso baixo do río e formada por sedimentos. Ao longo da historia esta zona foise enchendo e realizando construcións, a última unha intervención como espazo museístico albergando unha ducia de obras de artistas como Leiro, Grahan ou Jenny Holzer. A súa configuración como parque conta con carril bici, paseos ou pontes. Sobre todo esta superficie discorre o percorrido do Campionato de Espña de Ciclocrós 2020.

Formoso indica que “agora mesmo, ademais da intervención museística tamén se coida o ecosistema pola importancia que ten para moitas especies de fauna e vexetación. Hai que recoñecer que o paso das bicicletas na última proba, coincidindo co alto nivel freático provocaron unha deterioración maior que calquera outra actividade deportiva e espero que nesta ocasión sexa máis moderado”.

Para esta responsable de medio ambiente, o máis importante para non alterar o espazo “é concienciar ao público e corredores que a Illa das Esculturas non é un simple escenario espectacular sobre o que realizar unha proba e sacar bonitas fotos. Deben ser conscientes do delicado ecosistema no que se moven e por iso é fundamental que respecten a contorna evitando excesos de ruído ou tirar desperdicios. Os ciclistas deben cinguirse ao circuíto delimitado e non circular para quentar ou adestrar por fóra dos límites do percorrido”.