Marín dá o pistoletazo de saída este domingo á Copa Galicia de Ciclocross - Trofeo Presidente Xunta de Galicia





Modalidades: 

Arrancan tres meses cargados de competición para os especialistas galegos de ciclocross. O calendario autonómico desta modalidade ponse en marcha este domingo co XV Trofeo Ría de Marín, primeira das catorce xornadas puntuables para a Copa Galicia - Trofeo Presidente Xunta de Galicia. Desde a súa creación no 2015 este certame non deixa de medrar e neste 2017 volverá percorrer os montes das catro provincias galegas. 

A apertura da temporada corre a cargo do Club Ciclista Marín no circuíto do Chan de Gagán, onde se porán en xogo os primeiros maillots de líderes. A partir das 9:30 horas a carreira de promoción será o aperitivo das probas puntuables para a Copa e, a súa vez, para o ranking de Real Federación Española de Ciclismo. Ás 10:00 horas comezarán a rodar os cadetes e as cadetes, así como os masters-40 e 50/60. Ás 11:00 horas chegará a quenda para os masters-30 e as corredoras elite e sub23, juniors e masters. Por último, ás 12:00 horas entrarán en escena os juniors e os participantes da categoría raíña masculina elite e sub23.

O prazo para inscribirse remata este xoves ás 22:00 horas: https://yosoyciclista.com/index.php/inscripciones/prueba/8153

A pasada campaña o vigués Samuel González e a ponteareá Isabel Castro foron os grandes dominadores dos rankings elite e sub23. O resto de títulos correspondéranlles a Mario Fernández e Noela Saa en cadetes, a Pablo Álvarez e Sara Trigo en juniors, a Andrés Calvete nos masters-30, a Manuel Armada nos masters-40 e a Javier de la Fuente nos masters-50/60. 

Calendario

A Copa Galicia - Trofeo Presidente Xunta de Galicia pasa de once a catorce citas na súa terceira edición. Neste mes de outubro tamén fará parada no Val de Esmelle, o día 21, e en Ferrol, o 22, mentres que en novembro disputaranse carreiras puntuables en Dumbría, Santiago, O Rosal, Poio e Culleredo.  O calendario intensificarase aínda máis en decembro con probas en Viveiro, Boiro, Pontevedra, O Porriño, Pontevedra e a clausura do certame en Maceda. A temporada autonómica desta modalidade pecharase o 31 de decembro coa celebración do Campionato de Galicia.