Marque e Sánchez rodarán desde este mércores no pelotón da Volta ao Algarve





Modalidades: 

Con 25 equipos dándose cita na liña de saída, doce deles do World Tour, a Volta ao Algarve ponse en marcha este mércores con dous corredores galegos defendendo as cores de formacións continentais portuguesas: Alejandro Marque (Atum general/Tavira/Maria Nova Hotel) e Ángel Sánchez (Miranda-Mortágua).

O estradense Marque xa participou esta campaña na Vuelta a San Juan Internacional, en Arxentina, e o pasado domingo disputou a Prova de Abertura na rexión lusa de Aveiro. Unha temporada máis é un dos referentes da estrutura do Tavira, que xa non está ligada ao club Sporting de Portugal. 

O 2020 supuxo un cambio de aires para o cambadés Ángel Sánchez. O do Salnés pechou a súa etapa no W52-Porto e recalou no Miranda-Mortágua. Na Volta ao Algarve estreará as súas novas cores. 

A 46ª edición deste evento das UCI Pro Series constará de cinco etapas, con dous finais en alto e unha contrarreloxo, e será retransmitida en directo por Eurosport 2. 

Máis información