Márquez e Acevedo representarán á Selección de Galicia no Campionato de España de BTT Ultramaratón





Este sábado celébrase o Campionato de España de BTT Ultramaratón con ocasión da Gigante de Piedra. Na localidade castellonense de L'Alcora a Selección de Galicia contará con dous corredores. Brandan Márquez e Delmiro Acevedo vestirán as cores do combinado autonómico no percorrido de 200 kilómetros. 

O vigués Márquez adxudicouse as dúas edicións do campionato estatal disputadas ata o momento. En ambas ocasións, impúxose na Pedals de Foc NonStop. Ademais, o biker do Gexa é o actual líder do Open de España desta disciplina. 

Pola súa parte, Acevedo tamén está rendindo a gran nivel no Open. O do Burgas Coluer Factory Team marcha segundo na clasificación máster-30 e ocupa a 17ª praza na xeral absoluta. Na liña de saída haberá máis ciclistas galegos pertencentes a clubes como o C.C. Riazor e o C.C. Aragonta.

Os participantes terán que afrontar 200 quilómetros saíndo ás seis da mañá da Praza do Concello, onde entrarán os primeiros clasificados ao redor das catro da tarde. O desnivel positivo acumulado é de 6.500 metros nun percorrido polas pistas e sendas da provincia de Castellón, co impoñente monte Penyagolosa, o Gigante de Piedra que dá nome á proba. Atravésanse trece poboacións, once de Castellón e dúas de Teruel, con doce controis de paso, a maioría con avituallamiento de diverso tipo e algúns con asistencia médica e mecánica.