Martín Bouzas, citado pola selección española para a Vuelta a Asturias





O seleccionador español Elite e Sub23 Pascual Momparler deu a coñecer a lista de corredores que disputarán desde este sábado, 29 de abril, ata o vindeiro luns, 1 de maio, a LX Vuelta a Asturias. Entre os elixidos atópase Martín Bouzas, ciclista do Supermercados Froiz e actual campión de España sub23 de contrarreloxo individual.

O corredor de Rois compartirá equipo con Fernando Barceló e Eduardo Pérez-Landaluce (Fundación Euskadi), Sergio Vega (Unieuro), Biel Pons (Escribano Sports), Martín Márquez (Lizarte), Carlos Cobos e Aitor Rodríguez (Caja Rural-Seguros RGA) e Felipe Orts (Mutua Levante-Ginestar-Metal Lube). 

Ademais da selección española estarán presentes nesta rolda o Movistar Team, Caja Rural Seguros RGA, Euskadi- Basque Country Murias e Burgos BH (España), W52-FC Porto, LA-Metalusa BlackJack, Radio Popular Boavista,  Sporting Clube-Tavira e Louletano-H. Loulé (Portugal), Colombia Manzana Postobon, Bicicletas Strogmann e Medellin-Inter (Colombia), AreaZero D´Amico-Bottechia (Italia), Lokosphink (Rusia), Team Ukyo (Japón), Team Bolivia (Bolivia), Inteja Dominican Cycling Team (República Dominicana), Israel Cycling Academy (Israel) e TSC Malaysia Sapura (Malasia).

A Vuelta a Asturias arrancará o sábado desde o Centro Comercial Modoo, en Oviedo, para chegar a Pola de Lena. A segunda discurrirá entre Soto Ribera e o Alto del Acebo. A rolda asturiana terminará o 1 de maio na rúa Uría, na capital do Principado, tras saír de Cangas del Narcea.