Martín Bouzas dá o salto ao campo profesional co Kern Pharma





Modalidades: 

Un ciclista galego estrearase no pelotón profesional na temporada 2020. Martín Bouzas defenderá as cores do Kern Pharma, nova formación UCI Continental española posta en marcha pola Asociación Deportiva Galibier, a estrutura do conxunto elite e sub23 navarro do Lizarte. Catro medallas nas súas catro participacións no Campionato de España Sub23 de CRI avalan ao corredor de Rois.

Bouzas, de 22 anos, chegou ao Lizarte hai dúas temporadas procedente do Supermercados Froiz coa bitola de ser un contrarreloxista puro. “Sufría na ruta porque lle faltaban técnica e confianza en si mesmo”, explica Juanjo Oroz, director deportivo da Asociación Deportiva Galibier. “Por fortuna, puíu eses defectos e xa esta campaña foi un corredor moi útil para o equipo: sabe traballar e nos seus días bos demóstranos potencial de gran corredor, capaz de rodar e de subir cos mellores. Pensamos que o mellor para o seu crecemento é saltar de categoría. Facelo co Equipo Kern Pharma brindaralle a continuidade que necesita”.

“Este ano din un paso adiante”, conta Martín Bouzas. “Sempre fun un ciclista con boas calidades, con forza, que se lucía nas cronos. Faltábanme varios puntos de regularidade e confianza. A piña do Equipo Lizarte, entre corredores e técnicos, reforzoume para gañalos. Sinto que son outro Martín Bouzas”. A fichaxe polo Equipo Kern Pharma ilusiónalle. “É moi especial pasar a profesionais apoiado polas persoas que me apoiaron todos estes anos. Imos alimentar para que o crecemento sexa recíproco e compartido. Os ciclistas faremos crecer ao equipo, e o equipo faranos crecer a nós”.

Fonte: Kern Pharma