Martín Bouzas outorga o bronce á Selección de Galicia na contrarreloxo sub23 dos Campionatos de España





Arrancaron esta mañá os Campionatos de España de estrada en Soria e fixérono con presenza galega no podio. Martín Bouzas defendía o título sub23 de contrarreloxo e obtivo o bronce. Esta medalla é a terceira que acada de forma consecutiva nun campionato estatal o corredor de Rois. 

En 25 minutos e 3 segundos o ciclista do Supermercados Froiz completou os 18,9 quilómetros de percorrido. Con ese rexistro quedouse a 13" do gañador Jaime Castrillo (Aragón) e a 9" do segundo clasificado Sergio Samitier (Aragón). Os dous aragoneses tamén superaron ao representante da Selección de Galicia no punto intermedio do quilómetro 10,5, onde Samitier foi 7" máis rápido que Castrillo e 10" que Bouzas. 

"Fixen moi boa crono e estou moi contento. Non cometín ningún erro e calculei á perfección os puntos nos que tiña que apertar. Non se puido gañar porque dous rivais estiveron moi fortes e foron superiores. Non hai outra explicación", sinalou o coruñés. 

Para Bouzas, de segundo ano na cateoría sub23, este metal supón prolongar a súa espectacular xeira. No 2015 proclamouse campión júnior de contrarreloxo e o ano pasado sub23 da mesma modalidade. "Este bronce é un pasiño máis. Vou sumando resultados para seguir avanzando e poder algún día chegar aí arriba", sinalou.

A participación da Selección de Galicia nesta proba completouna Diego González. O coruñés do Club Ciclista Rías Baixas rematou 22º a 1:49 de Castrillo. Tanto González como Bouzas volverán competir mañá na carreira en liña. 

Sanmartín, 4ª sub23

A continuación chegou a quenda das mulleres elite e sub23 sobre o mesmo percorrido. A galega Paula Sanmartín foi a quinta mellor sub23 cun tempo de 32:10, a tan so 1" da cuarta Miriam Gardachal (Navarra) e a 22" da terceira clasificada Julia Rodríguez (Castilla y León). A viguesa do Bioracer Elmet ocupou a 16ª praza na táboa absoluta. 

Pola súa banda, a súa compañeira de selección Sandra Moral finalizou 28ª. A elite do Cidade de Lugo - Esturión detivo o reloxo en 34:40. 

Clasificación masculina

Clasificación feminina