Mauro González e Desirée Duarte triunfaron nunha Toyota Nipocar Enduro de récord





Modalidades: 

O Enduro galego abriu o curso ao grande. Na primeira cita da temporada puntuable para o Raking FGC rexistrouse un récord histórico de participación nesta modalidade a nivel autonómico. Un total de 230 riders tomaron a saída na III Toyota Nipocar Enduro MTB’17 – Gran Premio Concello de Ponteareas. Mauro González (Salvaterra) e Desirée Duarte (Condadobike) dominaron as categorías elite.

Os gañadores no resto de clasificacións foron: Álvaro Comesaña (+Enduro) nos cadetes, Nicolás Carrera (Coruxo) nos juniors; Cristóbal Fernández (Intense Store) nos sub23; José Manuel Groba (Xtrembike) nos máster-30; Roberto Rodríguez (Rocasport) nos máster-40; e Carlos José Táboas (Quebici Marcisport) nos máster-50 e 60.

Esta proba organizada polo C.C. Xtrembike contou ademais coas exitosas novidades das categorías Amateur e de bicicletas eléctricas, que este ano se estrean na Normativa Galega de Enduro. O Complexo Deportivo Álvaro Pino na localidade pontevedresa de Ponteareas foi o punto de saída e de chegada dunha competición que tivo como escenario os montes da Picaraña.

Dos cinco treitos cronometrados dos que constou o percorrido, Mauro González impúxose en catro na clasificación scratch. Ao representante do Salvaterra únicamente se lle resistiu o mellor crono no primeiro sector, o máis curto e técnico de toda a xornada, onde o subcampión de España máster-30B Borja Caneiro (DH Galicia Rocasport) marcou o mellor parcial.  

Dende aí ata o final, un consumado especialista no ciclocross como González, recente vencedor da Copa Galicia desa especialidade, foi o máis forte e venceu cun tempo de 28:02. A segunda posición en elite correspondeulle a Pablo Míguez (Bici O Con), que rematou a 40 segundos do vencedor, e a terceira a Benito Giráldez (Bike Patrol), que cedeu dous minutos.

Entre as mulleres a vixente campioa de España elite Desirée Duate estreou a temporada subindo ao máis alto do podio. Cun rexistro de 34:37, a rider do Condadobike logrou a vitoria con dez minutos e medio de vantaxe sobre Rebeca González (Komanche).

Os responsables deste evento agradeceron especialmente ao Concello de Ponteareas, ás comunidades de montes da zona e aos propietarios de montes privados a colaboración prestada. A vindeira proba do circuito Cannondale Xtrembike, con máis de 2000 euros en regalos, será o 23 de abril a II Trasnrivan Auto Enduro MTB – Gran Premio Concello da Cañiza, mentres que o calendario autonómico desta modalidade continuará o 12 de marzo co Vigo Bike Contest e ten previsto o arranque do Open de Galicia para o 4 de abril en Moaña.

Documentos: