Mauro González e Lucía Vázquez convertíronse en Vilaboa nos primeiros campións de Galicia de Eliminator





Modalidades: 

O BTT galego engadiu unha modalidade máis a súa lista de campionatos autonómicos e fíxoo coa vitoria de dous corredores ilustres. Mauro González (Salvaterra de Miño) e Lucía Vázquez (ProRebordosa) impuxéronse na primeira edición do Campionato de Galicia Eliminator (XCE) celebrado en Vilaboa. Esta emocionante e vistosa competición resultou un éxito a nivel organizativo.

O Club Ciclista Val do Ulló e a Federación Galega de Ciclismo, co apoio do do Concello de Vilaboa e da Deputación de Pontevedra, encargáronse da estrea deste evento. O máis de medio centenar de participantes quedaron encantados co circuíto de Figueirido. Unha localización perfecta onde especialistas en BTT, ciclocross e estrada mediron as súas forzas e destrezas.

O formato foi o habitual nas probas de Eliminator. Unha primeira quenda clasificatoria para establecer as seguintes roldas eliminatorias en función dos tempos obtidos. Na categoría masculina Mauro González presentou a súa candidatura dende o principio marcando o mellor rexistro (2:15). O do Salvaterra tamén  se impuxo nos cuartos de final e semifinais, polo que chegou co cartel de favorito á última carreira

A grella de saída da final presentou un cartel de luxo. Xunto a Mauro González estaban o seu compañeiro de equipo Samuel González, último gañador do Copa Galicia de Ciclocross; Alberto Pedreira (Bici Verde), vencedor do Open de Galicia XCO 2016; e Manuel Parada (Barbanzabike), líder do certame autonómico de XCO 2017. Mauro foi o máis rápido no trazado de Figueirido e proclamouse campión por diante de Samuel e de Pedreira. 

O triunfador explicou que "na crono empregueime a fondo e decateime de que malia ser pouco máis de dous minutos de esforzo, facíase difícil recuperar. Nas clasificatorias intentei regular e despois a final foi moi disputada con Samuel. Tiña gañas de probar nesta disciplina. O Val de Ulló é un dos pioneiros do MTB en Galicia e a organización estivo á altura do evento, ou incluso por enriba". Mentres, na final de consolación Eloy Espiñeira (Caimanes Betanzos) bateu a Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro), a Paulo González (Salvaterra) e a Antonio Mato (PC Toxo).

Triunfo local

Na competición feminina Lucía Vázquez chegaba avalada pola medalla de prata obtida nesta modalidade no Campionato de España 2014. Ademais, a biker do ProRebordosa contaba coa motivación extra de correr na súa localidade natal e conseguiu ser profeta na súa terra. Para alzarse co triunfo non o tivo nada doado ante dúas corredoras sub23. 

Desiree Duarte (Condado Bike) e Irene Trabazo (Marín - Ottoman) marcaron mellor tempo que a vilaboense na rolda clasificatoria. O cuarto billete para a final acadouno a júnior Sara Trigo (Salvaterra). Vázquez soubo facer valer a súa experiencia na carreira definitiva e obtivo o título. A segunda praza correspondeulle a Duarte e a terceira a Trabazo. 

"Foi unha loita axustada ata o final e demos un bo espectáculo. Gañar na casa é o máis especial. Quero dar as grazas ao Val do Ulló pola súa inmellorable organización e á afección por soportar a intensa calor para animarnos", afirmou a do ProRebordosa. No cadro desta categoría Carla Gómez (Barbanzabike) ocupou a quinta praza, e Xoana Martínez (Salvaterra), a sexta.

O programa de competición completouse coa proba Kids dominada por David Fernández (Avanza). O segundo posto correspondeulle a Yeray del Río (Marín - Ottoman) e o terceiro a Iago González (Teabikes). Os máis novos tamén subiron ao podio na entrega de premios que contou coa presenza do alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro; do concelleiro de Deportes, Francisco Costa; da secretaria da Federación Galega de Ciclismo, Begoña Carpinteiro; de representantes da Comunidade de Montes de Figueirido; e de patrocinadores. 

A vindeira cita co Eliminator será a próxima fin de semana no Campionato de España que terá como escenario Cofrentes (Valencia).

Foto: FotoCarlosGrafías

 

 

Documentos: