Mauro González reinou no Campionato de Galicia de Enduro en Gondomar





Modalidades: 

O enduro galego ten un novo campión absoluto. Mauro González marcou o mellor rexistro no Serra do Galiñeiro e proclamouse por primeira vez na súa carreira gañador da gran cita autonómica. O elite do Salvaterra de Miño superou na clasificación scratch por 10 segundos ao máster-30 Tony Pérez (Condado Bike) e por 11" ao máster-40 José Manuel López Vaqueiro (+ Enduro). O cadro de campións de Galicia completouse con Mario Fernández (O Rosal) nos cadetes, Nicolas Carrera (Coruxo) nos juniors, Raúl Fernández (Cambre - Caeiro) nos sub23 e Carlos José Táboas (Québici - Marcisport) nos masters-50.

O +Enduro organizou na localidade pontevedresa de Gondomar este evento no que se reuniron 125 riders. A saída deuse dende o campo de fútbol de Vincios e a proba constou de cinco treitos cronometrados nun circuíto moi traballado por parte do clube anfitrión. Grazas á chuvia dos últimos días o estado do terreo foi ideal para a práctica desta modalidade e os participantes gozaron dun agarre perfecto sen po. 

O primeito treito pode definirse como de transición para quentar motores, no sector dous a segunda metade resulta máis técnica e selectiva, o treito tres é moi espectacular pola súa velocidade, o catro exerce de clave da carreira ao ser o máis completo pola súa lonxitude e esixencia tanto física como técnica,  e o quinto queda como unha transición na que pouco tempo se pode rabuñar.  

No TC1 comezou liderando Mauro González, con clara vantaxe sobre o resto de corredores. A 3 segundos rematou a primeira especial o elite Pablo Míguez (Bici O Con), seguido a 1" do tamén elite Rubén Rodríguez (Bici O Con). No segundo tramo cronometrado o local José Manuel López Vaqueiro quedou en primeiro lugar, seguido de Mauro e terceiro Tony Pérez, que ía escalando postos deste xeito, ata completar a segunda posición na xeral.

No TC3 seguiu liderando Vaqueiro, Tony segundo e Mauro terceiro. O TC4 sería o que marcaría o resultado final da proba. Mauro culminouna en primeira posición, seguido de Tony e terceiro Vaqueiro. O TC5 xa foi un treito de trámite para finalizar este enduro "Serra do Galiñeiro". A proba completou un total de 31 quilómetros con 7,6 de distancia cronometrada e un desnivel acumulado total de 1.300 metros.

Mauro González fíxose coa vitoria absoluta  cun tempo de 18:12. Segunda posición para Tony Pérez (18:22) e terceiro José Manuel López Vaqueiro (18:23). "Era un pequeno obxectivo que me marcara. Os Campionatos de Galicia sempre son especiais e gusta facelo ben. Conseguín gañar o absoluto xeneral, fun mantendo ritmo desde o principio e no TC4 apertei para tentar marcar a diferenza no tramo máis físico e máis longo da carreira. E no TC5 tentei non cometer erros para asegurar", valorou o do Salvaterra, que no podio elite estivo escoltado polo segundo clasificado Rubén Rodríguez e polo terceiro Pablo Míguez.

Triunfo de Duarte

Ao non alcanzarse o mínimo de tres corredoras galegas non se disputou campionato autonómico feminino. Desiree Duarte (Condado Bike) foi a máis rápida detendo o reloxo en 23:48, superando en 9:15 a Gabriela Ferraz (BTT Braga). "Estou moi contenta, paseino mal fisicamente e tiven algún problema mecánico en dúas baixadas, pero ao final todo ben. O ano pasado xa me gustaba moito esta carreira. As baixadas son divertidas", sinalou a vixente campioa de España desta modalidade. 

No resto de categorías, Mario Fernández venceu por diante de Álvaro Comesaña (+Enduro) e Pablo Piñeiro (Coruxo) nos cadetes. Nicolás Carrera superou a Pedro Gonzalo (Bici Verde) e a Gabriel Suárez (Biciosos) nos juniors, e pola súa parte Raúl Fernández foi máis rápido nos sub23 que Brais Boullosa (Bici Verde) e Alex Ledo (Del Mar de Mugardos).

En canto aos masters, Tony Pérez revalidou título nos 30 batendo a Borja Caneiro (DH Galicia) e a Sergio Santomé (Bicivoladores). Nos masters-40 José Manuel López Vaqueiro impúxose a Marcos Valbuena (Bici O Con) e a José Antonio Gil (Bike ou Non Vai), mentres Carlos José Táboas mantivo a súa coroa nos masters-50 tras dobregar a Antonio Lago (Bici O Con) e a Manuel Gómez (Bici Verde). Tamén se disputou competición amateur, fóra do Campionato de Galicia, con vitoria para Adolfo José Gallego (Singletrack).

No acto de entrega de premios estiveron presentes a concelleira de Deporte e Cultura de Gondomar, Nuria Lameiro; José Manuel Chamorro, concelleiro de Vías e Obras do mesmo concello; José Luis Corral, presidente da Comunidade de Montes de Chaín; Rubén Barreiro, secretario do +Enduro; e Begoña Carpinteiro e Esteban Lorenzo, representando á Federación Galega de Ciclismo. 

Documentos: