Mauro González venceu na clasificación Elite da Big Ride Puro Pirineo





Modalidades: 

A segunda cita do Open de España de Enduro Cannondale Big Ride Powered By Rotor deixou sensacións opostas nos representantes elites galegos que se desprazaron ata a localidade oscense Castejón de Sos. Mauro González (Bici O Con) sorriu no maís alto do podio como vencedor da súa categoría e cuarto na clasificación scratch, mentres que Desiree Duarte (Condado Bike) rematou frustrada polos problemas mecánicos que lle impediron defender o seu liderado. 

A Big Ride Puro Pirineo, proba Enduro World Series Qualifier 2018, constou de 4 treitos cronometrados para un total de 40 quilómetros de percorrido e 2.000 metros de desnivel acumulado. As altas temperaturas e a dureza física e técnica do trazado marcaron unha competición dominada por tres corredores sub-23: Gabriel Torralba (Huesca Bike) foi 1º, Javier San Román (Racing Squad) 2º e Guillem Sanz (Basoli) 3º.

A 1:31 do gañador finalizou Mauro González, o rider elite máis rápido e que segue coa súa adaptación a pasos axigantados nesta modalidade. No podio estivo acompañado por Álvaro García (Berbikes) e Gonzalo Ferrer (Alfaz del Pi). En Castejón de Sos non participou o elite vigués Toni Ferreiro (Mérida), gañador da primeira xornada.

Pola súa banda, Desiree Duarte completou o percorrido malia os problemas da súa bicicleta no primeiro treito. Aínda que nos seguintes parciais marcou os mellores rexistros, non puido remontar e ocupou a novena posición. A clasificación pasa a estar encabezada por Miriam Alcántara con 375 puntos seguida de Marketa Michalkova (Santa Cruz) con 330 e a ponteareá quédase na terceira praza con 304 puntos.

Tamén perdeu o liderado Toni Pérez. O compañeiro de Duarte no Condado Bikes finalizou sétimo na táboa absoluta e primeiro máster-30, pero por un despiste nas datas regulamentarias de recoñecementos engadíronselle 2' de penalización o que o relegaron á novena posición.

Tampouco tivo boa sorte Nicolás Carrera, cuarto clasificado nos juniors. O rider do Coruxo gañou todos os treitos menos o primeiro, onde sufriu unha avaría na que perdeu moito tempo. 

O desenlace do Open de España de Enduro terá como escenario o municipio asturiano de Tuña o 8 e 9 de xullo. 

Clasificacións