Miguel Ángel Mera adxudicouse a Txuma cadete liderando á Selección de Galicia





Triunfo de prestixio para o ciclismo galego en terras vascas. Miguel Ángel Mera impúxose na clasificación xeral da sexta edición da Txuma cadete. O representante da Selección de Galicia chegou á ultima etapa vestido de amarelo e defendeu con éxito a súa mínima renda de 1 segundo de vantaxe na xeral ao ocupar a segunda posición na liña de meta de Erandio Goikoa

Por mor dun erro nas bonifacións, Mera non recolleu o sábado o maillot de líder que lle correspondía. Solventada esa situación, o ciclista do Cortizo - Anova iniciou os 62  quilómetros da terceira e última xornada con Lander Lartitegi (Basati) e Luis Vivian (Catalunya) a tan so un segundo na clasificación. 

A Selección de Galicia controlou o pelotón nesta etapa que presentaba como principal dificultade montañosa o alto do Hospital Quiron. Daniel Sanín, Diego Rodríguez, Brais Gómez, Adrián López e Rubén Durán traballaron en favor do seu compañeiro Mera. 

No desenlace da Txuma, o líder e Jorge González (MMR) alcanzaron a meta 8 segundos antes que o gran grupo. A vitoria parcial correspondeulle ao ciclista da formación asturiana e Mera sentenciou a xeral ao rematar unha vez máis segundo, como fixera nas dúas etapas anteriores. 

Cun tempo global de 4:28:46, o corredor galego inscribiu o seu nome no palmarés desta proba ao superar por 2" a Jorge González e por 15" a Lartitegi. Ademais, tamén se anotou a Regularidade e o premio como mellor cadete de primeiro ano.