O arxentino Méndez venceu na última etapa da Ruta do Albariño e o portorriqueño González adxudicouse a xeral





Modalidades: 

A V Ruta do Albariño - Memorial Modesto Sánchez Alba 'Teto' para ciclistas juniors e sub20 pechou este domingo en Cambados a súa edición máis internacional. A última xornada tivo como grandes triunfadores a dous corredores procedentes do outro lado do Atlántico. O arxentino Marcos Méndez (Arte en Transfer - León) venceu nunha chegada masiva e o portorriqueño Abner Alejandro González (Cidade de Lugo - Esturión) certificou a súa vitoria na clasificación xeral final. 

O líder presentábase no desenlace deste tríptico con 13" de vantaxe sobre o portugués Victor Ocampo (Bairrada) e con outros catro corredores a menos de 1 minuto. Nas tres voltas ao circuíto de 23 quilómetros pola contorna de Cambados, Abner González tivo que facer fronte aos constantes ataques dos seus principais rivais. Un deles, Iñigo Rodríguez (DipuLeón - Bembibre), quedou eliminado no primeiro paso por meta tras sufrir unha caída. 

Na última volta entrouse co pelotón compacto despois de que os portugueses Sandro Branco (Nicolau) e Carlos Vale (Seissa) se anotaran as dúas Metas Volantes, e Abel Franco (Ponteareas) e Marcos Méndez encabezaran a proba nas dúas primeiras ascensións ao alto de Padrenda, de terceira categoría. Aos intentos de fuga custoulles consolidarse ata que o conseguiu Bautista Cancelo (Arte en Transfer - León). A súa escapada chegou a contar con 40" de vantaxe e antes do inicio da última subida a Padrenda uníronselle Antonio Almeida (Bairrada), Fabio Costa (Barcelos) e Roi Domínguez (Fundación Óscar Pereiro).

Final ao sprint

O grupo principal anulou esa aventura no treito final e 38 ciclistas protagonizaron un sprint na Avenida de Galicia, onde o sub20 arxentino Méndez superou a Diogo Vieira (Tensai) e a Martín Soutullo (Carballo a un Paso). O líder defendeuse con éxito e Abner González deulle o triunfo na xeral a Puerto Rico, o país  que confiou no Cidade de Lugo - Esturión para que este júnior de primeiro ano prepare do mellor xeito o vindeiro Mundial e os Juegos Panamericanos.

O corredor da formación lucense estivo escoltado no podio polos portugueses Ocampo e Pedro Lopes (Seissa), segundo e terceiro respectivamente. No resto de clasificacións, Méndez levouse a Montaña, Branco as Metas Volantes, Jesús Rodríguez (Cidade de Lugo - Esturión) o maillot de primeiro galego, Paula Sanmartín (Bioracer - Elmet) foi a mellor muller e o Seissa gañou por equipos. 

A entrega de premios comezou cunha homenaxe da organización deste evento a Modesto e a Cristina, os fillos do inesquecible 'Teto'. Neste acto no que tomou a palabra o organizador da proba Ernesto Falcón, presidente do Club Ciclista Cambados, tamén participaron Fátima Abal, alcaldesa de Cambados; Víctor Caamaño, Concelleiro de Deportes e José Manuel Flores, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo.  

 

 

Documentos: