O Bairrada puxo a guinda en Cambados ao seu recital na Ruta do Albariño





Modalidades: 

Por terceira vez nos últimos catro anos o Bairrada portugués adxudicouse a Ruta do Albariño - Memorial Modesto Sánchez Alba 'Teto'. Na sétima edición desta proba para corredores sub21, júnior e féminas o conxunto da localidade lusa de Aveiro ofreceu un recital. Dominou a xeral individual logrando os dous primeiros postos, venceu por equipos, na Montaña, nas Metas Volantes e anotouse as tres etapas que se disputaron.

O desenlace da última xornada resume o acontecido nas estradas da comarca do Salnés durante toda a fin de semana. O líder Julián Espinoza e o seu compañeiro de equipo Diogo Narciso entraron na liña de meta de Cambados collidos da man despois de ter lanzado un ataque definitivo no treito final dos 91 quilómetros de percorrido. 

Antes de que o Bairrada impuxera a súa lei, seis corredores intentaron sorprender á estrutura lusa. Formaron unha escapada na terceira das catro voltas ao circuíto en torno a Cambados e chegaron a dispoñer de 40 segundos de vantaxe. Esta fuga aproveitouna Manuel Rodríguez (Ponteareas) para coroar en cabeza a terceira ascensión ao alto de Padrenda e Daniel Sanín (Cambre-Caeiro) para pasar en primeira posición pola segunda Meta Volante do día. 

O traballo de persecución do equipo que defendía o maillot amarelo deu os seus froitos e o propio Espinoza saltou do pelotón xunto a Narciso na última subida a Padrenda. A aceleración destes dous juniors non atopou resposta. Ademais de asinar un dobrete na meta de Cambados, co costarricense Espinoza cedéndolle o triunfo ao portugués Narciso, os 16 segundos de renda que obtiveron sobre o pelotón servíronlle ao gañador da etapa para arrebatarlle a Jesús Antonio García (Arte en Transfer-LPS) a segunda praza na xeral. 

Homenaxe a 'Teto'

Na cerimonia de podio o Bairrada acumulou premios: Espinoza, vencedor dos dous sectores celebrados na primeira xornada, recibiu a Folla de Albariño de Prata como primeiro na xeral do tríptico; Espinoza anotouse as Metas Volantes; Joao Macedo, a Montaña; e o conxunto de Aveiro gañou por equipos. 

O outro triunfador foi Ramón Fernández (Aleata-Farto), mellor galego na clasificación final. De entregar os trofeos encargáronse Carlos López Font, deputado de Facenda da Deputación de Pontevedra; Víctor Caamaño, concelleiro de Deportes de Cambados; Lourdes Ucha, alcaldesa de Meaño; Pilar González, concelleira de Deportes de Meaño; Ernesto Falcón, presidente do Club Ciclista Cambados; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. 

O broche a dúas xornadas de ciclismo na comarca do Salnés púxose coa homenaxe en memoria de Modesto Sánchez Alba 'Teto'. Cristina e Modesto, fillos dunha das grandes personalidades históricas deste deporte en Galicia, subiron ao podio no emotivo recoñecemento que a caravana da Ruta do Albariño brindoulle un ano máis ao seu pai. 

 

Foto: Puro Ciclismo 

Documentos: