O barro non freou a Mauro González no Enduro Monte Castelo do Open de Galicia - Anova





Modalidades: 

Burela estreouse no Open de Galicia – Anova de Enduro cunha xornada pasada por auga. A chuvia foi un factor clave no I Enduro Monte Castelo e Mauro González (Salvaterra de Miño) non deu opcións aos seus rivais sobre o barro. Na penúltima cita puntuable do certame autonómico, o líder elite deu un paso de xigante para a súa vitoria na xeral final.

O evento organizado polo Cerezo Bikes contou con 133 inscritos e os vencedores no resto de categorías foron o júnior Pedro Gonzalo (Bici Verde), o sub23 Alejandro Ledo (Del Mar de Murgados), a elite Susana Rodríguez (Límite Bierzo), o máster-30 Borja Caneiro (DH Galicia), o máster-40 Roberto Rodríguez (Del Mar de Mugardos) e o máster-50/60 Carlos José Táboas (Québici-Marcisport), mentres que nas competicións fóra do Open de Galicia – Anova impuxéronse Saúl García (Limite Bierzo) nos cadetes e Marcos Fernández (Medela) nos amateurs.

Durante os adestramentos do sábado, o circuíto de 24 quilómetros e 1.400 metros de desnivel acumulado presentou un bo agarre, pero a cantidade de auga caída na mañá do domingo cambiou por completo as condicións. O primeiro dos catro treitos era o que estaba máis embarrado e nel algúns favoritos como Manuel Pellón (BDM) perderon todas as opcións.

Mauro González dominou dende o principio e asinou o mellor rexistro nos tres primeiros parciais. No cuarto e último, o máis rápido foi o máster-30 Tony Pérez (Condado Intense). Cun tempo total de 19:40, o elite do Salvaterra superou na clasificación scratch en 50” a Caneiro e en 54” a Pérez.

Sen cambios nos rankings

Da Mariña lucense saíron vestidos de líderes os mesmos corredores que chegaron encabezando os rankings do Open de Galicia – Anova. Ademais de González, o sub23 Raúl Fernández (Cambre – Caeiro), o júnior Gonzalo, o máster-30 Pérez, o máster-40 Rodríguez e o máster-50 Táboas conservan os seus maillots. Tamén se mantén primeira na táboa feminina Desirée Duarte (Intense Condado) malia ter que abandonar en Burela tras sufrir un golpe no peito durante o primeiro treito.

Ramiro Fernández, concelleiro de Deportes; José Díaz, presidente da Comisión de Festas; a vicepresidenta Belén Ramudo; e Esteban Lorenzo, directivo da Federación Galega de Ciclismo, participaron na cerimonia do podio. O certame autonómico desta modalidade fará unha paréntese ata o mes de setembro, cando regrese o día 3 coa súa última cita, a Green Mountain Race organizada polo DH Galicia.

Documentos: