O ciclismo galego presumiu de campións en Lalín





Tema: 

O 2017 foi un ano de excelentes resultados dos corredores galegos, acumulando máis de medio cento de presenzas nos podios dos Campionatos de España e dos opens e copas estatais. Un ateigado Auditorio Municipal de Lalín rendeulle tributo a todos estes triunfadores na Gala do Ciclismo Galego celebrada este sábado na capital do Deza. Un evento no que tamén recibiron a súa homenaxe representantes históricos deste deporte, como a campioa de descenso Eva Castro, e no que se puxo unha especial énfase na seguridade dos ciclistas nas estradas.

Entre as catorce Mencións Especiais que se entregaron, tres foron para destacados resultados deportivos. Martín Lestido recibiu esta distinción por ter gañado as dúas voltas Elite e Sub23 que se disputan en Galicia, Teresa Barreira polo seu primeiro posto no Campionato de Europa de BTT Ultramaratón máster-40 e Javier Busto polo seu título de campión continental máster-35 en BTT Maratón. Este último exerceu de anfitrión e o lalinense foi un dos máis aclamados da gala.

Do mesmo xeito resultou moi emotivo o recoñecemento á traxectoria de Eva Castro. A rider de Oleiros decidiu esta campaña poñer o punto final a unha carreira chea de éxitos ao máximo nivel nas disciplinas de BTT-Descenso e Four Cross. Unha das mellores corredoras galegas de todos os tempos conseguiu conter as bágoas nesta despedida oficial na que asegurou que seguirá subíndose á bicicleta nalgunhas das citas máis especiais do calendario.

Con Terio Carrera, presentador da TVG, actuando de mestre de cerimonias e co humorista Pepo Suevos amenizando a gala, tamén desfilaron polo escenario os máis de cincuenta gañadores dos Rankings da Federación Galega de Ciclismo (FGC). Aqueles corredores que durante o 2017 foron os máis regulares nas competicións autonómicas de Ciclocross, Estrada, BTT-XCO, BTT-Maratón, BTT-Enduro e BTT-Descenso.

Integración e seguridade vial

A maior ovación da tarde chegou coa entrega do galardón ‘Ciclismo Sen Barreiras’ ao Club Ciclista Ponteareas. De recoller este premio encargouse o corredor do momento a nivel estatal: Borja Gómez, que se converteu hai quince días no primeiro ciclista con síndrome de Down que compite no Campionato de España de Ciclocross defendendo as cores da Selección de Galicia.

A integración e a seguridade vial estiveron moi presentes nesta festa do ciclismo. A Mención Especial pola súa labor a prol de reducir os riscos nas estradas foille concedida a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia. Neste apartado, Francisco Menéndez, director xeral da Axencia de Infraestructuras; Jesús del Río Caamaño, capitán do sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FGC incidiron na importancia de que os conductores respecten a distancia de seguridade  de 1,5 metros cos usuarios da bicicleta e explicaron o programa de Rutas Ciclistas Protexidas que se está poñendo en marcha.

O resto de Mencións Especiais outorgadas recaeron no DHU Vila de Sarria, como mellor evento deportivo do 2017; no Gran Fondo Ézaro – Costa da Morte, pola súa promoción do cicloturismo; na AD Avanza, pola súa aposta pola canteira; na firma Anova, polo seu apoio ao ciclismo; en Supermercados Froiz, polos seus 30 anos de patrocinio; no equipo de Deportes de La Voz de Galicia en Vigo, polo seu traballo de comunicación; no árbitro Sinesio Vázquez Barrio; e en Juan Martínez Rey, directivo do Club Ciclista Ferrol.

A gala rematou coa foto de familia de todos os premiados xunto ás autoridades que presidiron este acto: Marta Míguez, directora xeral de Deportes da Xunta de Galicia; Rafael Cuíña, alcalde de Lalín; Nicolás González; tenente alcalde de Lalín; Chelo Besada, deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Antonio Rodríguez, xefe do destacamento da Garda Civil de Tráfico en Lalín; Iván Clavel, director xerente da Fundación Deporte Galego; Rubén Quintas, alcalde de Maceda; Manuel Carrera, tenente alcalde do Porriño; Antonio Traba, concelleiro de Deportes de Marín; Marcos Serrano, representante de Amura; os ciclistas Gustavo César Veloso e Samuel Blanco; e Eunice Mosquera; directora técnica de Special Olympics Galicia.

 

Foto: Puro Ciclismo