O ciclismo galego reúnese este sábado en Padrón para celebrar a súa Gala anual





Tema: 

O Auditorio Centro Sociocultural de Padrón será este sábado a partir das 20:30 horas o escenario da Gala do Ciclismo Galego 2016. Neste acto organizado pola Federación Galega de Ciclismo (FGC) entregaranse as distincións aos triunfadores durante a pasada temporada tanto a nivel autonómico como estatal e homenaxearase a quince destacados membros relacionados con mundo da bicicleta en Galicia.

A lista de galardóns polos resultados deportivos ao longo do 2016 supera a centena. Nesa nómina están os premios aos vencedores nos Rankings FGC das distintas modalidades: Estrada, Ciclocross, BTT-XCO, BTT-XCM, BTT-Enduro e BTT-DH.

Tamén se recoñecerán os éxitos dos corredores galegos a nivel estatal, nun ano que resultou histórico pola excelente colleita de medallas nos campionatos e nos opens e nas copas de España. Un dos corredores máis laureados foi Iván Feijoo, pero o ciclista do Maceda non poderá asistir á gala por mor da súa participación no Mundial de Ciclocross ese mesmo día en Luxemburgo.

60 aniversario do Padronés

As homenaxes completaranse coas Mencións Especiais que a FGC entregará para resaltar quince sobresaíntes traxectorias. Unha delas será para o clube máis representativo da vila que acolle este evento e outra para o seu patrocinador principal. O Club Ciclista Padronés festexa o seu 60 aniversario e durante os 30 últimos anos contou co apoio da firma Aluminios Cortizo.

As distincións a ciclistas recaen no porriñés Jacobo Ucha por ter dado o salto ao pelotón profesional, unha meta que tamén alcanzou o redondelán Samuel Blanco, nomeado corredor revelación no 2016. O capítulo de recoñecementos a directivos e entidades deportivas  protagonízano Luis López López (Zurdo), do Clube Ciclista Milagrosa; o Club Ciclista Coruxo, o Club Ciclista Bici Verde, o Más Enduro MTB e o Singletrack Outdoor Sports pola organización do Campionato de España de Descenso en Vigo; e o Maceda por partida dobre, sendo designado como mellor escola de ciclismo de Galicia e pola organización do Campionato de España de BTT Team Relay, XC Eliminator e XCO Cross Country Olímpico o pasado verán no seu concello.

 Por último as mencións polo seu apoio a este deporte correspóndenlle ao árbitro José Cuíñas Conde; á empresa Norinver; á Radio Galega; e a Santiago Villanueva, Delegado do Goberno en Galicia, pola súa implicación na seguridade do colectivo ciclista nesta comunidade e a colaboración ofrecida na campaña de visibilidade impulsada pola FGC. Ademais, durante a cerimonia proxectarase un vídeo-homenaxe como recordo ás vítimas por accidentes de tráfico e falecidos no 2016: José Antonio Casas 'Ñito', Diego Freiría, Jesús Mancebo e Jorge Pérez.