O ciclocross galego despide o ano co campionato autonómico en Culleredo





Modalidades: 

No último día do ano chega a cita máis agardada do calendario galego de ciclocross. Este sábado 31 de decembro o Parque Deportivo de Acea da Ma, na localidade coruñesa de Cullerredo, acollerá o ‘Campionato de Galicia 2016 – I Trofeo La Laboral”. Agárdase a participación de máis de 200 corredores e en xogo estarán once maillots de campións autonómicos desta modalidade.

Esta proba marca o punto final da temporada de ciclocross en territorio galego, sete días despois do remate da Copa Galicia e na semana previa aos Campionatos de España que se celebrarán a partir do próximo venres en Valencia. Do mesmo xeito que o resto de eventos do calendario autonómico, tamén será puntuable para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

O Clube Ciclista Cambre, o BTT Caimanes Betanzos, a Peña Ciclista Monte Xalo e a Federación Galega de Ciclismo (FGC) encárganse da organización deste campionato co que o ciclocross regresa oito anos despois ás instalacións coñecidas como “A Laboral”. Este circuito de 2,5 kilómetros de lonxitude foi por última vez escenario dunha competición de ciclocross no 2008, cando se disputou unha xornada puntuable para a Copa de España.

Este sábado o programa de carreiras arrancará ás 09:45 horas coa proba de Promoción. Ás 10:00 tomarán a saída os rapaces e as rapazas cadetes, os Máster-40 e os Máster-50/60. Ás 11:00 entrarán en escena as mulleres Elite e Sub23, as juniors e os Master-30. O peche correrá a cargo dos Elite e Sub23 masculinos e os juniors a partir das 12:00 horas.

A pasada campaña Mauro González e Lucía Vázquez anotáronse os títulos Élite. O corredor do Salvaterra buscará revalidar a súa coroa en Culleredo, onde terá como principais rivais ao seu compañeiro de equipo Samuel González, gañador das últimas seis xornadas da Copa Galicia, a Raúl Fernández (Fornelos), a Adrian Valverde (Rías Baixas) e a Darío Otero (Compostelano). Outra das grandes atraccións nesta carreira será a presenza de Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006.

Na carreira raíña feminina Isabel Castro (Fornelos) preséntase como principal candidata á vitoria despois de impoñerse con autoridade na xeral da Copa Galicia. A súa filla Desirée Duarte e Irene Trabazo (Meruelo) son as outras favoritas.

O acto de presentación tivo lugar este xoves no edificio de usos múltiples do Burgo, no concello de Culleredo, e contou coa asistencia de José Ramón Rioboo, tenente alcalde de Culleredo; Miguel Suárez, concelleiro de deportes; Antonio Carrodeguas, presidente do Cambre Renault Caeiro, e os corredores deste equipo Pablo Álvarez e Andrea García; Ramón Quintana, representante da empresa que xestiona as instalacións da Laboral e Jose Manuel Flores, vicepresidente da FGC.