O circuíto da Risca regresou ao calendario autonómico con triunfo de Pablo Álvarez na Copa Galicia do Porriño





O Cross Country Olímpico (XCO) galego recuperou o pasado sábado un dos seus circuítos históricos na provincia de Pontevedra. Despois de anos de ausencia no calendario autonómico, o Monte da Risca acolleu a primeira edición do Trofeo XCO Concello do Porriño, segunda xornada puntuable da Copa Galicia. Nun trazado no que se acumulan as lembrazas do pasado impúxose a xuventude do sub23 Pablo Álvarez (Cambre).

O palmarés desta cita organizada pola AD Avanza estreouse con outros once bikers inscribindo o seu nome como gañadores. Laura Capa (Aleata) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) venceron nas carreiras cadetes, Noela Saa (Academia Postal) e Jorge Fernández (Ponteareas) nas juniors, Irene Trabazo (Marín) na sub23 feminina, Desiree Fernández (RSBike) e Jorge Punzón (Cosmos) nas elites, Rocío Blanco (A Forna) e Diego Rey (Tambre Bike) nas máster-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) na máster-40 e Carlos Otero (BTT Fene) na máster-50.

O sol e o traballo do clube anfitrión, cun admirable voluntariado, acompañaron nunha espléndida e completa xornada. Pola mañá os protagonistas foron os cativos e as cativas no III Mini BTT Concello do Porriño e pola tarde chegou a quenda dos maiores. "Presente cun inesquecible pasado", comentou o máster-50 Óscar Lorenzo, un  dos 153 inscritos no evento puntuable para a Copa Galicia XCO. 

No percorrido pola Risca "non te aburres", afirmou Pablo Álvarez despois de bater nun intenso pulso ao local Jorge Punzón, quen luciu o maillot de líder elite. O sub23 do Cambre gañou cun tempo de 1 hora 4 minutos e 10 segundos, superando en 33" ao porriñés do Cosmos. Outro biker que corría na casa, Alberto Pedreira (Bici Verde), ocupou a terceira praza absoluta. "Nas dúas subidas máis pronunciadas é nas que hai apertar de verdade", apuntou como clave da carreira o gañador. 

Precisamente en sub23 produciuse un dobre cambio de líderes nos rankings da Copa Galicia. Na clasificación masculina Óscar Leira (Vara e Pedal) desbancou a Estefan González (Burgas Bike), quen non participou nesta proba, e a mesma situación viviuse nas mulleres con Irene Trabazo e Sara García (Pulpeiros Mugardos). Por outra banda, nos juniors Marco Lema (Academia Postal) adiantou a Xoel Montes (Avanza). No resto de categorías dominan as xerais Zaira Vila (Coruxo) e Miguel Rodríguez en cadetes, Noela Saa nas juniors, Desiree Fernández e Jorge Punzón en elites, Rocío Blanco e Diego Rey en máster-30, Alejandro Trasbach nos máster-40 e Carlos Otero nos máster-50. 

1 de maio en Ferrol

Dende O Porriño o certame autonómico trasládase a Ferrol, onde este mércores 1 de maio disputarase a terceira xornada puntuable. O Trofeo BTT Rallie da cidade departamental alcanza a súa oitava edición. Ás 11:00 horas comezarán as competicións no circuíto deseñado polo Club Ciclista Ferrol na parroquia de Brión. 

 

Foto: Luz Iglesias 

Documentos: