O Club Ciclista Farto seguirá cos seus equipos feminino e masculino de categoría Elite-Sub23 no 2020





O Club Ciclista Farto continuará cos seus equipos elite e sub-23 na temporada 2020, tanto o feminino como o masculino. A día de hoxe, o club xa asinou a oito e seis ciclistas respectivamente.

O presidente Abel Farto e o mánager Brais Dacal están a traballar estas semanas en asentar as bases do equipo para o ano 2020. As negociacións con provedores de bicicletas e roupa están avanzadas e trabállase en pechar outro patrocinador principal.

“Espéranos un ano ilusionante por diante”, afirma Dacal. “O obxectivo co equipo feminino é asentalo nas carreiras nacionais, e co masculino crecer en todos os aspectos: calendario, material e resultados”.

“Quero asinar a maiores a dúas ou tres mozas, e entre catro e seis mozos”, continúa Dacal, que confirma “estar a falar con ciclistas novos que necesitan certa liberdade para aprender e progresar”. Ademais, para o equipo masculino incorporaranse un ou dous corredores que cumpran funcións de capitán e ensinen aos máis novos.

O equipo feminino correrá a Copa de España e completará o calendario con probas como o Torneo Euskaldun e carreiras UCI. O masculino centrará o seu calendario nas voltas por etapas nacionais e en Portugal, e esperan correr algunha Copa de España.

Dacal competiu nunha quincena de países e afrontou o seu primeiro ano de dirección deportiva en 2019, unha experiencia da que “aprendín moito, pero fíxome ver que hai moitos cambios por facer no ciclismo deste país e aprender de como se fan as cousas fóra. Non todo está mal, pero é necesario poñerse ao día”.

En canto á forma de traballar, o presidente Abel Farto destaca o “carácter formativo do club. O noso obxectivo é dar oportunidades e fomentar a base”. Coincide con iso Dacal, que basea o seu estilo en “coidar ben ás mozas e mozos, que se sintan motivados e traballen duro sen presións innecesarias. Se non gozas, non rendes ao 100%”.

Os integrantes dos cadros de corredores e os novos patrocinadores daranse a coñecer nas próximas datas, á vez que se traballa na renovación da páxina web (www.clubciclistafarto.es) e as redes sociais do equipo (TW @equipofarto, IG @equipociclistafarto).

Fonte: Club Ciclista Farto

Foto: PuroCiclismo