O Club Ciclista Rías Baixas quere seguir soñando





Tema: 

Gañador da última edición da Volta a Galicia e terceiro mellor equipo do pelotón amateur español, o Club Ciclista Rías Baixas presentou no Parador de Baiona o seu proxecto para 2017, un evento ao que asistiron medio milleiro de invitados.

En nome da Federación Galega de Ciclismo, o seu presidente Juan Carlos Muñiz, acompañado por Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, entregou ao presidente do conxunto miñorano José Luis Chamorro un cadro coa camisola amarela da Volta a Galicia 2016.
Á presentación da quinta campaña desta formación na categoría Elite e Sub23 tamén acudiron Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade; Nava Castro, directora xeral de Turismo; Daniel Benavides  e Javier Rico, da Secretaría Xeral de Deportes; Chelo Besada e Santos Héctor, da Deputación de Pontevedra; Ángel Rodal, alcalde de Baiona; Juan González, alcalde de Nigrán; así como o corredor profesional Delio Fernández. 
Marcos Serrano seguirá por terceira tempada consecutiva como director deportivo dun equipo que mantén o seu discurso. "Queremos seguir levando o nome de Rías Baixas, por tanto da provincia e de Galicia, ao máis alto por toda España e polo estranxeiro", sinalou o presidente do club, José Luis Chamorro, que destacou que este ano o obxectivo será a Copa de España que comeza en Badaxoz.
O Rías Baixas conta con 18 ciclistas, dos que 11 son novos: Diego Tirilonte, Rodrigo Enríquez, Brais Sendín, Víctor Fernández, Daniel Rodríguez, Jon Ander Tomé, Ronald Serrano, Raúl González, Yago López, Jaime Guzmán e Alejandro Abellón. Seguen do ano pasado Borja Alfaraz, Jesús Nanclares, Xoel Dias, Lois Rodríguez, Gustavo Rodríguez, Diego González e Adrián Valverde.

Foto: Purociclismo