O clube Ciclismo Oiense organizou unha charla sobre reanimación e uso do desfibrilador





Tema: 

Máis de 50 persoas participaron o pasado mércores na charla organizada polo clube Ciclismo Oiense sobre reanimación e uso do DESA (desfibrilador). Nun principio este acto estaba dirixido para os membros desta agrupación, pero debido ao interese suscitado abriuse a todas as persoas que desexaron asistir a esta actividade de formación.

 Carlos Alonso, presidente de Ciclismo Oiense, foi o primero en tomar a palabra e explicou os motivos da charla centrada na preocupación do colectivo pola seguridade dos ciclistas nos eventos que organiza o clube. De seguido, interviu a alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa, que se comprometeu a facilitar o desfibrilador municipal a todos os clubes deportivos e asociacións culturais que o soliciten para os eventos que organicen. O DESA tamén estará  dispoñible nun lugar accesible para utilidade dos veciños se é necesario antes de que cheguen os servizos de emerxencia sanitarios. Así mesmo, a rexidora municipal indicou que fará as xestións oportunas para conseguir cursos de primeiros auxilios.

A continuación, Mario López enfermeiro, monitor e especialista do 061, deu unhas explicacións detalladas sobre a parada cardiorrespiratoria e os diversos tipos de perda de consciencia. Expuxo as pautas para seguir: avisar ao 061 e atender á persoa mentres non chegan os servizos sanitarios correspondentes.

Tamén participaron na charla Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, e Marcos Alonso, ambos técnicos especialistas do 061, que explicaron e axudaron aos asistentes para poñer en práctica, sobre os bonecos, as técnicas de reanimación e o uso do desfibrilador explicadas anteriormente. .

Os membros do Ciclismo Oiense queren agradecer ao Concello de Oia e á Comunidade de Montes de Oia a súa colaboración para  levar a cabo esta charla informativa.