O Clube Ciclista Maceda recibe o Premio do Deporte Galego á mellor entidade na promoción do deporte de base
O secretario xeral para o Deporte e presidente do xurado dos Premios do Deporte Galego, José Ramón Lete Lasa, fixo pública esta mañá en Ourense o fallo destes galardóns na súa edición 2015, acompañado polo alcalde da cidade e a delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira.
Como establece a convocatoria dos premios, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 9 de marzo, estes galardóns recoñecen publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo galego, decidindo o xurado sobre as 17 categorías ás que este ano se suma unha mención especial.
No apartado de mellor entidade na promoción do deporte de base, o recoñecemento recaeu no Clube Ciclista Maceda. A través das súas redes sociais, a entidade ourensá afirmou sentir "unha gran alegria, para un clube pequeno e modesto, coma o noso, que centra todo o seu traballo na canteira do ciclismo. Agradecelo, e compartilo con todos os clubes, de calquera deporte, que apostan pola base".
O acto de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 12 de maio no Teatro Principal de Ourense.