O elite Mediero e o sub23 Feijoo proclámanse campións de Galicia de fondo en estrada na Volta ao Ribeiro





Modalidades: 

O ciclismo galego ten novos campións de fondo en estrada na súa categoría raíña. O elite Roberto Mediero (Québici-Marcisport) e o sub23 Iván Feijoo (Academia-Postal-Maceda) conquistaron este domingo os maillots autonómicos na localidade ourensá de Cenlle. O ciclista vigués e o alaricano ocuparon a quinta e a sexta plaza, respectivamente, no desenlace da Volta ao Ribeiro que se adxudicou o arxentino Julián Barrientos (Vigo-Rías Baixas).

A proba con saída e chegada en Barbantes-Estación presentaba un dobre aliciente. Por unha banda a loita polas coroas de Galicia, reservada aos corredores autonómicos, e pola outra a vitoria na 43ª desta clásica, á que optaban todos os participantes. A vitoria de Barrientos tivo a súa orixe na fuga que se formou ao pouco de iniciarse os 130 quilómetros de percorrido. 

O arxentino marchouse na compaña doutros sete ciclistas: Anxo Lorenzo (Aluminios Cortizo), Jacobo Ucha (Québici-Marcisport), Mediero, Juan Carlos Amil (Supermercados Froiz), Alejandro de Rozas (Vigo-Rías Baixas), Joaquín López (Club Ciclista Vigués) e Samuel González (Máis Que Bicis). Este grupo non tardou en alcanzar unha vantaxe cercana ao minuto e medio respecto ao pelotón.

No primeiro dos dous pasos polo alto de San Amaro, preto do ecuador da carreira, a diferenza baixou ata o medio minuto, pero o traballo de Ucha no treito que unía as dúas ascensións a este porto de montaña permitiu ao escapados ampliar a súa renda ata os 2 minutos e 20 segundos. 

A unidade en cabeza rachouse na segunda ascensión a San Amaro. Barrientos e o madrileño López deixaron atrás aos seus compañeiros de aventura e a pugna polos títulos autonómicos concentrouse no terceto perseguidor formado polos elites Mediero e Lorenzo, e o sub23 Amil. 

Triunfo de Barrientos

Polo cumio do alto, a 20 quilómetros para o final, o dúo de cabeza contaba con 25" de marxe sobre o trío de galegos e 1' de vantaxe en relación ao pelotón. O representante do Vigo-Rías Baixas e o do Club Ciclista Vigués souberon manexar a súa renda, á vez que por detrás unha decena de ciclistas absorbía ao trío intermedio. 

Na recta final de Barbantes-Estación, Barrientos superou a López no seu man, 6" máis tarde finalizou o estremeño Carlos Cobos (Vigo-Rías Baixas) e a continuación o grupo no que o brasileiro Gabriel Machado (Aluminios Cortizo) dominou o esprint por diante de Mediero e Feijoo.

Co mesmo tempo que os novos campións de Galicia entraron os outros corredores autonómicos que subiron ao podio para recoller as súas medallas. Nos elites Aser Estévez (Ciclismo Oiense) colgouse a prata e Samuel Blanco (Vigo-Rías Baixas), o bronce, mentres nos sub23 a prata correspondeulle a Guillermo García e o bronce a Diego González, ambos do Supermercados Froiz.  A entrega de premios contou coa presenza de Gabriel Alén, alcalde de Cenlle; Luis Manuel Vergara e Manolo Losada, representantes da AAVV A Barca; Fernando Valencia, de Toyota Cibrao Ourense; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

 

Foto: Quadra Producións

 

 

 

Documentos: