O junior Guillermo García disputará a contrarreloxo e a proba en liña do Mundial coa selección española





Haberá un representante galego no Campionato do Mundo de estrada que se celebrará a vindeira semana en Bergen (Noruega). O junior Guillermo García Janeiro defenderá o maillot da selección española e farao por partida dobre, disputando tanto a contrarreloxo individual como a carreira en liña. 

O pontevedrés do Bathco debutará nunha cita mundialista o martes 19 de setembro na CRI de 21,1 quilómetros. Catro xornadas despois, o sábado 23, será a quenda da proba de fondo, con 133,8 quilómetros de percorrido. Nesta carreira participarán tamén os outros dous españois seleccionados por Pascual Momparler, Carlos García (Fundación Contador), e Ramón Díaz (Fundación Sastre).

Guillermo García vén de asinar un sensacional final de temporada na súa despedida da categoría junior, sobresaíndo a súa vitoria no Campionato de España de contrarreloxo e a cuarta praza acadada na competición en liña. A súa colleita de triunfos aumentouna nos últimos días ao impoñerse na crono da Challenger Vuelta a Talavera. 

Foto: La Voz de Galicia