O Open de España de Enduro chega ao seu ecuador este fin de semana en Mugardos





As localidades coruñesas de Mugardos e Ares acollen este fin de semana o Montefaro Enduro Race, terceira proba do calendario no Open de España de Enduro.

A proba estará formada por cinco tramos de ligazón e cinco tramos cronometrados individuais que discorrerán sempre sobre superficie de monte, maioritariamente con desnivel negativo, aínda que tamén existirán zonas con desnivel positivo. En cada tramo establecerase unha clasificación individual por categorías e a suma dos tempos de cada tramo, incluídas penalizacións, determinará a clasificación xeral.

Cun percorrido total de 33,6 quilómetros e un desnivel acumulado de case 1.300 metros,a competición bordeará en todo momento a costa galega, ofrecendo aos corredores espectaculares vistas ao mar durante o desenvolvemento de todos os tramos.

Os participantes que non puidesen recoñecer o circuíto con anterioridade poderán facelo este venres e o sábado antes do inicio da competición. A retirada de dorsais, cartón de control e entrega de licenza federativa farase o sábado desde as 10:00 horas ata as 20:00 horas na oficina de carreira situada no Porto de Mugardos.

Pulpeiros Mugardos é o organizador dunha proba que se antolla decisiva para a recta final do Open, do que son líderes Miriam Alcántara en categoría absoluta feminina; Gabriel Torralba en absoluta masculina; Markel Uriarte en elite masculina; e Elisabeth Guillem en elite feminina.

A acción arrincará o domingo ás 08:30 horas desde o Cantón de Cora, na zona do Porto de Mugardos, e está previsto que conclúa sobre as 14:30 horas.

O desenvolvemento da competición poderá seguirse a través das redes sociais da Real Federación Española de Ciclismo e seguindo o hashtag #OpenEspañaEnduro18. Ademais, poderedes atopar toda a información sobre o certame en OpenEnduroBTT. com

© Fonte: RFEC