O Open de España de Enduro comezou con dominio galego





Modalidades: 

O Open de España de Enduro Cannondale Big Ride Powered By Rotor comezou este domingo na localidade malagueña de Ojén con tres galegos subindo ao máis alto do podio. Toni Ferreiro (Merida Bikes) e Desiree Duarte (Intense) impuxéronse nas clasificacións Elite e Toni Pérez (Condado Bike) na Master-30. A este triple triunfo hai que engadir o segundo posto acadado polo junior Nicolás Carrera (Coruxo).

Ferreiro, actual campión de España desta modalidade, participou por primeira vez nun evento de Big Ride, unha competición na que el mesmo indicou que "tiven que ir remontando durante toda a carreira". O vigués, un habitual das Series Mundiais de Enduro, impúxose en 2 dos 5 parciais cronometrados dos que dispoñía a proba, o que indica que foi unha cita moi igualada.

O galego sinalou que "Big Ride Ojén foi un dos enduros máis duros que disputei" e sen dúbida "o máis duro que fixen en España". Os próximos obxectivos para Ferreiro serán as World Series ás que chegará en plenas condicións de forma: "Nótome moi ben coa bicicleta moi motivado e este ano farémolo moi ben".

O rider de Vigo estivo acompañado no podio polo sub23 aragonés  Gabi Torralba (Mondraker), que acabou a tan so a 4 segundos de Ferreiro. Terceiro foi Daniel Cubero (Montgo), a 8 segundos.

No apartado feminino a gran dominadora desta proba foi Desiree Duarte, a ponteareá, que debutaba nun Open de España de Enduro, é a actual campioa de España da modalidade e unha da máximas favoritas, cumpriu cos prognósticos e fíxose coa vitoria final.

Duarte marcou os mellores tempos parciais en cada un dos 5 treitos especiais para acabar cun tempo de 26 minutos e 24 segundos, seguida da malagueña e tamén sub23 Miriam Alcántara (27:08) e a madrileña Marketa Michalkova (28:26).

Pola súa banda, Tony Pérez dominou con autoridade nos master-30, superando en 11 segundos a Miguel Ángel Fernández (Bull Bikes), mentres que Nicolás Carrera nos juniors tivo que conformarse co segundo chanzo do podio despois de rematar a pouco máis dn segundo e medio de Abel Mateos (Lucero).

A próxima parada para deste Open será en pleno Pirineo aragonés en Castejón de Sos (Huesca) os días 10 e 11 de xuño.

Clasificacións