O Open de Galicia – Anova XCO e o Mini BTT teñen cita este sábado en Arteixo





Modalidades: 

O circuíto do monte As Lavandeiras en Arteixo reunirá este sábado aos especialistas galegos de mountain bike de todas as idades. Pola mañá celebrarase a primeira xornada do calendario autonómico de Mini BTT e pola tarde a terceira carreira puntuable do Open de Galicia – Anova de Cross Country Olímpico (XCO), unha proba coa que ademais se pon en marcha o V Circuíto BTT Deputación da Coruña.

Despois das citas celebradas en Ferrol e en Poio, Manuel Ángel Parada e Nuria Senra chegan como líderes elite do Open ao XII Trofeo BTT-XC Concello de Arteixo. O representante do Barbanzabike suma 270 puntos e ten unha vantaxe de 70 respecto ao segundo clasificado Darío Otero (Compostelano), unha situación que se repite na táboa feminina encabezada pola corredora dos Eskornabois e con Zaida González (Cidade de Lugo) na segunda praza.

Os líderes das outras categorías son Roi López (Compostelano) e Noela Saa (Academia Postal – Actyon) en cadetes; Adrián Barros e Carlota Cañamero, ambos do Coruxo, en juniors; Raúl González (Academia Postal - Actyon) nos sub23; Diego Rey (Caimanes Betanzos) nos master-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos master-40 e José Ramón Castelo (Castro Barbudo) nos master-50 e 60.

Ás 16:30 horas comezará esta competición organizada polo Arteixo-MB3 na que se darán dúas saídas. Preto de 180 bikers rodarán por un circuíto que presenta unha lonxitude de 5 quilómetros.

Circuíto BTT Deputación da Coruña

Con este evento comeza o Circuíto BTT Deputación da Coruña, que na súa quinta edición consta de seis carreiras: o Trofeo Castro Barbudo, o XCO Caimanes Betanzos, o XC Montefaro, o BTT-XCO de Ledoño-Culleredo e o Trofeo XCO Concello de Oroso.

 Os corredores da provincia da Coruña con maillot de mellores deportistas finais da pasada temporada foron: Darío Otero e Nuria Senra, en Elite; Cristian Vidal nos sub23; Pablo Álvarez nos junior; Eloy Espiñeira e Alba Arias en cadetes; Alejandro Trasbach nos master-30; José Miguel Eiras nos master-40 e Javier de la Fuente nos master-50/60.

A actividade en Arteixo iniciarase pola mañá co VI Trofeo Mini BTT Concello de Arteixo. Desde as 11:00 horas máis de 200 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, participarán nas Lavandeiras en carreiras sobre distancias acordes ao seu nivel. O calendario de Mini BTT da Federación Galega de Ciclismo compóñeno este ano 20 probas.