O Open de Galicia de Enduro baixa o pano en Budiño





Modalidades: 

O calendario de BTT en Galicia da temporada 2016 chega a súa conclusión este domingo no Porriño. O Open autonómico de Enduro vivirá a súa última xornada puntuable despois de que durante as últimas semanas xa remataran os certames do resto de modalidades de bicicleta de montaña: Cross Country olímpico (XCo), BTT-Maratón (XCM) e Descenso (DHi).

O Enduro BTT Faro de Budiño, ademais de dictar sentencia en varios rankings que aínda están por resolver, tamén servirá para ver en acción a dous dos riders galegos que a pasada semana se proclamaron campións de España desta especialidade. A corredora elite Desirée Duarte (Bopapel) e o máster-30 Tony Pérez (Intense Store) aparecen na lista de máis de 60 inscritos. Tamén participará neste evento organizado pola A.D. A Forna o subcampión estatal en Máster-50 Carlos Táboas (Quebici Marcisport).

As clasificacións elite do Open de Galicia xa teñen gañadores matemáticos despois de seis xornadas puntuables. Óscar Martínez (Xtrembike) e Eva Abadín (Barbanzabike) preséntanse en Budiño cos títulos asegurados. O mesmo acontece en Sub23 con Brais Boullosa (Bici Verde) e en Máster-50 con Carlos Táboas. No resto de categorías, Francisco Serantes (Castrobikes) ten unha marxe de 30 puntos sobre Evaristo Martínez (Del Mar de Mugardos) en junior; Tony Pérez tamén supera en 30 puntos a José Manuel Groba (Xtrembike) en Máster-30; e Marcos José Ríos (THC Bike) goza dunha vantaxe de 110 puntos respecto a Marcos Balbuena (Bici O Con) en Máster-40.

A segunda edición desta cita na parroquia porriñesa de Budiño estaba prevista que se celebrara o 11 de setembro, pero finalmente adiouse para esta fin de semana. A saída do primeiro participante darase ás 9:00 horas dende a Asociación Cultural A Forna. Os riders deberán completar un percorrido de 26,3 kilómetros con cinco treitos cronometrados. Cada un destes parciais recibe o nome dun patrocinador: Tramo Libre, Xtrembike, Alonso y Serodio, Duatel e Bici O Con. Ao remate da proba entregaranse os premios desta carreira e coroarase a todos os vencedores do Open de Galicia de Enduro 2016.