O Open de Galicia de Enduro pechouse en Budiño con vitoria do campión Óscar Martínez





Modalidades: 

Rematou a temporada de BTT en territorio galego e fíxoo sen sorpresas na última xornada do Open de Galicia de Enduro. Óscar Martínez del Campo conseguiu no Enduro BTT Faro de Budiño a súa cuarta vitoria do curso. O rider elite do Xtrembike chegou a esta cita no concello pontevedrés do Porriño co título asegurado matemáticamete e tampouco se rexistrou ningún cambio de líder nas outras seis categorías deste certame.

Despois de que no 2012 se convertira nun dos primeiros enduros disputados en Galicia, a segunda edición do Enduro BTT Faro de Budiño regresou ao calendario organizado pola A.D. A Forna. Coa súa celebración púxose fin ao Open 2016 desta modalidade, que arrancou no mes de marzo e que nas súas seis anteriores xornadas tivo como escenarios Vigo, Mugardos, Salceda, A Cañiza, e dúas probas en Gondomar.

Na liña de saída situada na Asociación Cultural da Forna reuníronse 63 participantes, entre eles dous recentes campións de España, o máster-30 Tony Pérez (Laesport) e a elite feminina Desirée Duarte (Bopapel). A ponteareá  foi a única muller inscrita en Budiño e non puido medirse a Eva Abadín (Barbanzabike), a vencedora do Open de Galicia, que está lesionada tras sufrir unha caída na anterior xornada deste certame na Serra do Galiñeiro.

A clasificación scratch masculina viviu un pulso tremendamente igualado entre Óscar Martínez e Tony Pérez. Nun circuíto con cinco treitos cronometrados de dificultade media e un terreo húmido polas chuvias caídas a noite anterior, o representante elite do Xtrembike decantou a balanza no terceiro parcial. Martínez conseguiu sete segundos de vantaxe neste sector, o máis físico de todos, e administrou esa renda ata o final para impoñerse cun tempo de 20:49:969, sendo 5” máis rápido que o rider máster-30 do Laesport. A terceira posición foi para o tamén máster-30 José Manuel López (+Enduro) a 38” do gañador.

No resto de categorías os mellores rexistros marcáronos Francisco Serantes (BTT Castrobike) en Júnior, Raúl Fernández (Insitu Ciclismo) en Sub23, Marcos José Ríos (THC Bike) en Máster-40, Carlos Táboas (Quebici Marcisport) en Máster-50 e Pedro Gonzalo (Bici Verde) entre os cadetes, un grupo de idade que non conta para o Open de Galicia.

Cerimonia de clausura

Con Óscar Martínez e Eva Abadín como vencedores Elite, outros cinco riders recibiron na cerimonia de clausura os seus maillots como primeiros clasificados nos rankings finais do certame organizado pola Federación Galega de Ciclismo. Francisco Serantes acadou o título en Junior, Brais Boullosa (Bici Verde) en Sub23, Tony Pérez en Máster-30, Marcos José Ríos en Máster-40 e Carlos José Táboas en Máster-50. A esta nómina sumouse o Club Ciclista Bici Verde de Vigo, gañador por equipos.

Nesta entrega de premios participaron Manuel Carrera, concelleiro de Deportes do Porriño e excorredor profesional; Luis Martínez, presidente da Asociación Cultural de A Forna; Jacobo Ucha, ciclista profesional que actualmente milita no Radio Popular-Boavista portugués; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo.