O Open de Galicia Enduro entra no seu treito final na Serra do Galiñeiro





Modalidades: 

Este domingo celébrase a sexta penúltima proba puntuable para o Open de Galicia Enduro 2016.  O clube +Enduro MTB organiza o Enduro Serra do Galiñeiro na parroquia de Vincios , no concello pontevedrés de Gondomar, que contará con preto de cen participantes e vivirá o seu pistoletazo inicial ás 08:30 horas. Óscar Martínez (Xtrembike) e Eva Abadín (Barbanzabike) defenderán os seus primeiros postos nas clasificacións elite.

No resto de categorías chegan como líderes a esta cita Brais Boullosa (Bici Verde) en Sub23; Evaristo Juan Martínez (Club Del Mar Mugardos) en Júnior; José Manuel Groba (Xtrembike) en Máster-30; Marcos José Ríos (THC Bike) en Máster-40; e Carlos José Táboas (Que Bici - Marcisport) en Master-50/60.

O percorrido constará de cinco treitos de enlace con tempos pechados e de cinco treitos cronometrados. Os sectores contrarreloxo terán un perfil descendente con pequenas fases de pedaleo. A suma de todos os treito sitúase en torno aos 30 kilómetros e un desnivel positivo estimado de 1200 metros.

 

Dobre cita coa estrada en Lugo

A programación do ciclismo galego nesta última fin de semama complétase con dous eventos para os corredores de estrada en terras lucenses. O sábado a capital da provincia acolle a 53ª edición do Gran Premio Ciclista da Milagrosa. Escolas, cadetes e juniors competirán desde as 15:30 horas no tradicional circuíto preparado deseñado polo Clube Ciclista Milagrosa.

Outra clásica do calendario autonómico arrancará case á mesma hora un pouco máis ao norte. A XXIX Xira Cicloturista Concello de Viveiro reunirá a máis dun centenar participantes a partir das 15:00 horas. A ruta de 75 kilómetros deseñada pola P.C. Gráficas Lar, cun desnivel acumulado superior aos 17000 metros, percorrerá as montañas dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo e Ferreira.