O Open de Galicia XCO desembarca na provincia de Ourense e o de Enduro en Salceda





Seis eventos compoñen a axenda do ciclismo galego na fin de semana do 11 e do 12 de xuño. A sete días da celebración do Campionato de Galicia de XCO en Poio, o Open desta modalidade chega á provincia de Ourense. Este sábado dispútase o I Trofeo XCO Concello de Piñor organizado pla ADC Os Mosqueteiros. O inicio da competición está marcado para as 16:00 horas no Campo do Arenteiro.

A sexta xornada deste certame servirá para rachar o empate que protagonizan no máis alto da táboa elite Alberto Pedreira (Bici Verde) e Manuel Parada (VI 3). O resto de líderes son Lara Lois (C.C. O Grove) en elite feminino; Adrián Barros (Coruxo) e Antía Martínez (Academia Postal) en cadetes;  Pablo Álvarez (Cambre) e Sara Trigo (Óscar Pereiro); Samuel González (Óscar Pereiro) en Sub23; Alejandro Trasbach (Racing Cycling) en Master-30; José Manuel Gómez (Barbanzabike) en Master-40; e Javier de la Fuente (Betanzos) en Master-50/60.

Ao día seguinte será a quenda para o Open de Galicia de Enduro, que celebra a súa quinta proba na localidade pontevedresa de Salceda de Caselas. O I Alonso y Serodio Seguros Enduro MTB, tamén será puntuable para o I Open Enduro MTB Cannondale-Xtrembike, que baixará o pano por esta temporada con este evento.

Os riders comezarán a tomar a saída a partir das 08:30 horas, no trazado deseñado polo C.C. Xtrembike nos montes de Faro e San Cibrán. Óscar Martínez del Campo (Xtrembike-Cannondale) e Eva Abadín (Barbanzabike) defenden as súas camisolas de líderes autonómicos.

A outra cita de carácter competitivo deste domingo será o VI Mini BTT Ría de Marín, que arrancará ás 10:30 horas. O Chan do Xaxán é o escenario elixido polo C.C. Marín para a disputa das probas de escolas e cadetes.

 

Tres marchas cicloturistas

A oferta para os amantes da bicicleta complétase con tres marchas. Dúas delas serán de BTT: o C.C. Ferrol organiza o domingo a 11ª Ruta A Ferrolterra, con saída ás 9:00 horas dende A Malata, e media hora máis tarde teñen previsto poñerse en marcha dende as piscinas de Oira os participantes no V BTT Cidade de Ourense, a concentración promovida polo C.C. 2 Rodas.

Pola súa banda, o ciclismo en estrada celebrará tamén o domingo un dos eventos cicloturistas máis consolidados no calendario galego. A Volta a Valdeorras alcanza a súa XVIII edición. Ás 9:00 horas os corredores están citados no Barco pola P.C. Valdeorras Bike para empezar a darlle aos pedais e cubrir os 116 kilómetros de percorrido