O ouro de Canal nos juniors liderou o póker de medallas da Selección de Galicia no Campionato de España Loterías de Ciclocross





A última xornada do Campionato de España Loterías de Ciclocross celebrado en Legazpi resultou formidable para a Selección de Galicia. Na carreira júnior Carlos Canal proclamouse campión estatal e Adrián Barros acadou o terceiro posto; na proba sub23-junior Irene Trabazo colgouse a prata; e na cadete Noela Saa subiu ao terceiro chanzo do podio. En total, o combinado que dirixe Guillermo Sande despediu esta cita con catro medallas, igualando a mesma cifra que asinou o pasado ano. 

O triunfo de Canal foi incontestable. No seu primeiro ano como júnior o corredor do Academia Postal - Actyon - MMR de Maceda exprimiu a súa potencia no esixente trazado guipuscoano. "O circuíto tiña moito barro e fíxose moi duro. Rara vez atopas un escenario con estas condicións. Practicamente facíase imposible manter un bo ritmo durante toda a carreira, pero acabas gozándoo", explicou o de Xinzo de Limia.

O ourensán venceu cun tempo de 36:22, distanciándose en 1:25 de Gonzalo Inguanzo (Cantabria) e en 1:40 do vigués Adrián Barros. O ciclista do Coruxo resistiu na terceira praza para levarse o bronce con 18 segundos de marxe sobre Alfredo Teleña (Asturias). Jorge Suárez, terceiro compoñente da Selección de Galicia, finalizou 26º.

Canal explicou que "saín a controlar pero atopeime moi forte. Cando collín uns metros sobre os demáis empecei a meter distancia e na última volta dino todo para ampliar a diferencia e sentenciar". O limiao, prata no 2017 como cadete, valorou este éxito como "un empurrón moi grande porque esta temporada non tiña conseguido moitas vitorias. Fixemos un parón para chegar ben aquí, arriscamos e funcionou. Este resultado é unha gran alegría". A súa temporada aínda non rematou e disputará dúas probas da Copa do Mundo e o Mundial.  

Podios femininos

Outra seria opción de medalla para a delegación galega era Irene Trabazo e a gañadora da Copa de España deste curso non fallou. A corredora do Marín Ottoman impúxose nunha dura pugna pola prata sub23-júnior con Magda Durán (Catalunya). As dúas mantiveron o seu pulso ata o treito final e a sub23 marinense superou á catalana por 24". O triunfo, con 1:51 de vantaxe, correspondeulle a Luisa Ibarrola (Euskadi). No décimo oitavo posto concluíu a junior Andrea García, da Selección de Galicia, mentres que entre as elites Isabel Castro (Condado Bike) cruzou oitava a liña de meta. 

A colleita de metais do combinado autonómico completouna  Noela Saa. A cadete do Academia Postal - Actyon - MMR fíxose co bronce tras rematar a 8" da segunda clasificada Anne de Pablo (Euskadi) e a 24" da campioa María Parajón (Madrid). As galegas ofreceron un excelente nivel nesta categoría e outra representante da estructura de Maceda, Aida González, obtivo a cuarta posición, a 1:04 da vencedora. 

O evento de Legazpi baixou o pano coa competición elite na que o corredor do combinado autonómico Darío Otero clasificouse 40º. No balance xeral do ciclocross galego neste campionato hai que engadir ás catro medallas do domingo, o bronce que se adxudicou Antonio González (Salvaterra) o sábado nos masters-50 B. 

 

Máis información e clasificacións