O portugués Borges e a ponteareá Duarte, os máis fortes no Open de Galicia Enduro de Salceda





Modalidades: 

A quinta xornada do Open de Galicia Enduro celebrada na localidade pontevedresa de Salceda de Caselas tivo un vencedor de prestixio internacional. O portugués José Borges (BH Gravity Team), corredor que disputa as World Series, conseguiu unha vitoria que non lle puxeron nada fácil os riders galegos. Óscar Martínez (Xtrembike-Cannondale), segundo clasificado, continúa no máis alto da xeral do certame autonómico, mentres que en féminas se impuxo a ponteareá Desiree Duarte (Leioa Txirrintxu Elkartea) por diante de Eva Abadín (Barbanzabike), que mantivo a camisola de líder. 
A primeira edición do I Alonso y Serodio Enduro MTB 2016, organizada polo C.C. Xtrembike, tamén foi a terceira e última proba puntuable para o Open EnduroMTB Xtrembike Cannondale 2016. A inscrición alcanzou os 140 participantes para un evento con saída e chegada na praza do concello de Salceda e que transcorreu polos montes de Salceda e de Budiño.
A xornada resultou accidentada e os organizadores tiveron que modificar os seus plans iniciais. Estaban previstos cinco treitos cronometrados, pero finalmente anulouse o último despois de que a carreira se detivera en dúas ocasións por mor de dous incidentes nos treitos 2 e 3, nos que os médicos tiveron que facer traslados ao hospital.
Nun circuíto esixente técnica e físicamente, a sequidade do terreo provocou que estivera esvaradizo. Nestas condicións Desiree Duarte foi a máis forte na competición feminina. A ponteareá marcou o mellor tempo nos catro treitos e cun crono final de 22 minutos 17 segundos venceu con case dous minutos e medio de vantaxe sobre Eva Abadín, a líder do Open de Galicia, e con 5’ sobre Rebeca González (Komanche), gañadora a pasada semana en Gondomar.
Martínez resiste
  A presenza entre os inscritos de José Borges presaxiaba un claro favorito na proba masculina. O portugués demostrou o seu nivel, pero tivo que esforzarse ao máximo ante o empuxe dos riders galegos. O representante do BH Gravity Team foi o máis rápido en tres dos catro treitos. Rubén Rodríguez (Laesport), que se impuxo no terceiro, impediou o pleno. O luso gañou cun tempo total de 16:38, superando en 22 segundos a Óscar Martínez, que afianzou o seu liderado no Open de Galicia, e en 36” a Mauro González (Salvaterra), que continúa coa súa sobresaínte adaptación a esta modalidade.
 Ao remate da competición, Borges afirmou que espera “correr máis en España porque o nivel está máis alto que en Portugal. Os corredores aquí teñen unha boa capacidade tanto técnica como física e non é doado vencer. Tes que esforzarte e ir moi concentrado. Gustáronme moito os treitos e a organización estivo moi ben”. A súa seguinte cita coas World Series será no mes de xullo en La Thuile Italia.
Na entrega de premios  estiveron presentes María Dolores Castiñeira Alén, primeira tenente alcalde de Salceda; Carla María Pérez, concelleira de deportes; Esteban Lorenzo, directivo da Federación Galega de Ciclismo; e Miguel Carballo, organizador do evento.
O Open de Galicia Enduro regresará en setembro coas súas dúas últimas probas. A primeira delas será no Faro de Budiño, organizada pola A.D. A Forna, o día 11.