O Rosal e Ponteareas, dobre cita da Copa Galicia de ciclocrós





Modalidades: 

Tras unha fin de semana sen actividade debido ao adiamento da cita de Dumbria, a tempada de ciclocrós en Galicia volve a escena nunha dobre cita coa disputa do XXI Trofeo Montes de Eiras o sábado 17 e o I Ciclocros Ponteareas 40º Aniversario, o domingo 18.

A proba de Eiras foi presentada no Concello do Rosal nun acto presidido pola alcaldesa, María del Carmen Alonso. A principal novidade da carreira será o adianto en media hora das saídas para evitar que a escuridade caia sobre o circuíto antes de finalizar a competición tal e como ocorreu nalgunhas edicións.

O percorrido a beira do Miño é todo un clásico do calendario e contará como é tradición cunha participación numerosa entre as que destacase a presenza dun bo número de corredores do veciño Portugal.

Pola sua banda, Ponteareas recupera no ano do seu 40º aniversario unha proba de ciclocrós para a vila do Tea. O club ponteareán deseñou o trazado desta cita sobre os terreos que ten concedidos no barrio da Cachada, próximos á sede da entidade e que esta tempada albergaron con éxito unha proba de mini btt. A cita comezará o domingo ás 10 da mañá e será a novena das 18 que compoñen a Copa Galicia 2018 de ciclocrós.

©Foto: Concello de O Rosal