O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 29 de febreiro a Gala do Ciclismo Galego





Tema: 

O Teatro Principal de Pontevedra converterase o vindeiro 29 de febreiro en escenario da Gala do Ciclismo Galego organizada pola Federación Galega de Ciclismo en colaboración coa Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, que dirixe o socialista Tino Fernández. O evento, que dará comezo ás 19.30 horas e que estará conducido polo coñecido presentador Terio Carrera, ten a finalidade de recoñecer e galardoar aos ciclistas da nosa comunidade autónoma que protagonizaron os fitos deportivos máis destacados ao longo de 2019.

No transcurso da Gala, que contará coas actuacións do guionista e monologuista Federico Pérez e do grupo musical Croma, entregaranse premios aos deportistas que obtiveron medallas nos Campionatos de España do ano pasado, tanto en Estrada (Contrarreloxo, en Liña, Ultrafondo 12 horas) como en BTT (Cross Country, Eliminator, Descenso, Maratón, Enduro, Ultramaratón e Ciclocross). Outro dos bloques de galardóns servirá para recoñecer a boa clasificación nos rankings da Federación Galega de Ciclismo: entregaranse premios a 14 ciclistas na categoría de Estrada; a outros 14 na de BTT-Cross Country Olímpico; a 9 na de BTT-Enduro; a 8 en BTT-Descenso; a 6 da de BTT-Cross Country Maratón, e a 14 de Ciclocross.

Os deportistas que protagonizaron actuacións destacadas nas Copas de España de Ciclocross e o Open de España de BTT tamén serán premiados no Principal, en concreto nas categorías de BTT-Cross Country Olímpico (tres deportistas), BTT-Enduro (seis), BTT-Descenso (catro), BTT-Cross Country Maratón (tres) e Ciclocross (cinco).

Tal e como explicou hoxe na sala de prensa do Concello o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o evento terá ademais un bloque de Mencións Especiais, “con premios adicados a acontecementos especiais que tiveron lugar en 2019”, distinguíndose as seguintes categorías: Ranking de Equipos da Real Federación Española de Ciclismo; Vencedor de Proba Internacional; 1º Triunfo como Profesional; No seu Recordo; Premio á Superación; Medallistas nos Campionatos de Europa; Unha Vida como Árbitro; A Promoción do Ciclismo; Unha Vida Adicada ao Ciclismo; Polo seu Paso a Profesionais; Ciclismo Sen Barreiras, e Aposta polo Ciclismo.

Un deporte impulsado polo modelo de cidade de Pontevedra

Muñiz presentou a Gala do Ciclismo Galego nunha comparecencia na que estivo acompañado pola secretaria da Federación Galega, Begoña Carpinteiro, e polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, quen suliñou que “o deporte das súas rodas estase a converter en algo estratéxico para o Concello de Pontevedra”. “O ciclismo é unha fórmula de actividade física impulsada polo noso modelo de cidade e hai poucas cousas máis saudables que empregar este medio de transporte. Sen dúbida, imos a seguir implicándonos con este deporte e apostando por el”, apuntou Tino Fernández.

Entre as novidades desta Gala, Begoña Carpinteiro resaltou o feito de que “por primeira vez vanse entregar en ano natural os correspondentes diplomas aos deportistas que tiveron unha participación destacada nos Campionatos de España de Ciclocross de 2020, que Pontevedra acolleu recentemente”.

Fonte: Concello de Pontevedra