O Trial Bici regresa a Galicia varias décadas despois no Rosal





Modalidades: 

Dentro da súa aposta por seguir innovando no mundo da bicicleta, a Federación Galega de Ciclismo dará un histórico paso adiante esta fin de semana. A localidade pontevedresa do Rosal acolle a primeira edición dunha proba de Trial Bici, unha modalidade que arrasa en terras catalanas, pero que leva varias décadas sen practicarse de forma oficial en Galicia. 
Esta cita nace da colaboración de dou clubes relacionados con esta especialidade. Por unha banda, o Club Ciclista Bici Verde encargarase da parte regulamentaria. Esta entidade viguesa foi a precursora do Trial Bici a finais dos anos 80, pero a súa práctica desapareceu nos 90 despois da irrupción do mountain bike. Hai tres anos un grupo de amigos a retomaron e o C.C. Bici Verde deulle o seu apoio para relanzala. Trátase do Stonebike Club Biketrial Galicia, que este domingo ocuparase dos aspectos técnicos
Os integrantes de Stonebike compiten en probas da Bike Trial B.U.E, unha federación ao marxe da UCI á que agora desexan achegarse a través da organización deste evento. Entre os seus deportistas máis destacados atópase o piloto Matías Martínez Briones, campión da Copa de Portugal de Trial Bike e terceiro clasificado no Campionato de España júnior da B.U.E celebrado en Aldán (Cangas).
Nesta especialidade o obxetivo é sumar o menor número de contactos do corpo co chan e no que a velocidade tamén xoga un papel importante. O escenario do I Trial Bici Concello do Rosal será o lugar de Barbutín, na parroquia de Santa Mariña, e as inscricións poderán facerse a partir das 10:00 horas da mañá do domingo

Open de Descenso e de XCO
O intenso calendario ciclista nesta fin de semana en Galicia rexistra sete eventos máis. No BTT hai dúas citas pertencentes aos Open de Galicia. Na modalide de  Cross Country Olímpico (XCO) o Club de Mar Murgados organiza a proba de Montefaro, terceira carreira puntuable para o certame autonómico e tamén para o Circuíto Deputación da Coruña.
Ao día seguinte, o Open de Galicia de Descenso chega á provincia de Lugo coa súa segunda xornada puntuable, o III DHGTeam Páramo, promovido polo DH Galicia. Ademáis o domingo, a oferta para bicicleta de montaña complétase co Mini Btt Esmelle, en Ferrol, e o Desafío Terras de Turonio do Monteferro Bike Club, en Tomiño, de larga distancia, pero que non é de carácter competitivo.


Tres citas en estrada
Nos días previos a que o vindeiro martes teña lugar en Baños de Molgas o Campionato de Contrarreloxo Individual 2016, os corredores de estrada terán varias carreiras para comprobar o seu estado de forma. Aos masters agardalles o sábado pola mañá en Padrón o IX Trofeo San Isidro, organizado polo C.C. Padronés-Aluminios Cortizo e no que tamén participarán cadetes e júniors, e domingo o primeiro Trofeo Patrocinador Boiro 2016, no que o C.C. Barbanza estableceu o bandeirazo de saída para as 10:55.
Por último, o sábado pola tarde tamén lle darán aos pedais os máis pequenos co Trofeo Sponsor para principiantes, alevíns e infantís, no circuíto deseñado polo C.C. Padronés-Aluminios Cortizo ao carón do río Sar.